DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborado por cinco docentes da UVigo, céntrase en materias do grao en Ciencias do Mar

MAReMÁTICAS, un libro para axudar o alumnado de ciencias a comprender e utilizar a linguaxe matemática

Recolle os resultados teóricos necesarios e, sobre todo, unha ampla compilación de exercicios

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Académica
DUVI 31/07/2024

Os profesores Francisco Javier García Cutrín, Miguel Ángel Mirás Calvo, Carmen Quinteiro Sandomingo e Carmen Vázquez Pampín, xunto co docente xa xubilado Manuel Besada Moráis, acaban de publicar un manual didáctico sobre o ensino das matemáticas. Titulado MAReMÁTICAS e editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, este libro de texto inclúe o contido das dúas materias de 1º do grao de Ciencias do Mar e ten como obxectivo dotar o alumando de capacidade para comprender e utilizar a linguaxe matemática, para asimilar novos conceptos, adquirir habilidades de cálculo e propoñer modelos matemáticos sinxelos. Os seus autores tamén buscan que os estudantes se adestren no uso de aplicacións informáticas para experimentar en matemáticas e resolver problemas.

O volume recolle os resultados teóricos necesarios e, sobre todo, unha ampla compilación de exercicios como material de traballo para o alumnado, algúns resoltos con todo detalle, outros cunha resolución menos pormenorizada e tamén moitos propostos, a maior parte coa solución final. Os seus autores destacan que este material pode ser usado para as materias de matemáticas de outras titulacións, sobre todo o ámbito das ciencias, aínda 
que non teñan un programa tan extenso.

Todo o material matemático dunha titulación e escrito en galego

Os autores de explican que MAReMÁTICAS é o resultado de décadas de esforzo e experiencias. “Levamos moitos anos traballando en equipo en aspectos relacionados coa docencia universitaria”, lembra, “a principios dos anos noventa fomos pioneiros na metodoloxía de exames tipo test nas materias de Matemáticas, con corrección mediante lectura óptica e a finais do século pasado fomos quen de crear e manter unha páxina web, chamada Brétema, na que ofreciamos ao alumnado a mesma información que ten na actualidade a plataforma Moovi da Universidade de Vigo”. Ademais, participaron, dende o seu nacemento, no desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior (Plan Boloña), “que supuxo un xiro importante na docencia universitaria europea” e foron capaces de crear dentro do Departamento de Matemáticas un sentimento especial pola utilización do galego a todos os niveis da docencia universitaria”. Todo este traballo, levado a cabo durante tantos anos, reflexionan, “xerou unha cantidade importante de material que nos fixo pensar que podería ser interesante poñelo en orde, mellorar a redacción, perfeccionar e ampliar os gráficos e colocarlle unhas grampas ou unha espiral. E puxemos mans a obra: o resultado é un libro que contén todo o material matemático dunha titulación e escrito en galego”. 

O libro céntrase na formación matemática no Grao en Ciencias do Mar, xa que como detallan os docentes, dende que arrancou esta titulación, o seu departamento foi o encargado de impartir a docencia das Matemáticas. “Pensamos que Mar e Matemáticas podía ser un binomio interesante para este proxecto e así xurdiu o libro MAReMÁTICAS”. 

Co libro xa saído do prelo, consideran que “foi unha boa idea e un bo proxecto. Estamos convencidos de que este manual será de moita utilidade para o alumnado das tres titulacións de Ciencias (Química, Bioloxía e Ciencias do Mar), pero tamén pode ser útil para estudantes dos graos de Economía e Administración de Empresas, nos que tamén ten responsabilidade docente o Departamento de Matemáticas”.

E é que como explican os autores, unha das tarefas importantes como docentes consiste en facilitar o traballo das e dos estudantes e “cremos que para o alumnado que quere afondar algo máis no estudo das matemáticas, ou mesmo quere aprender pola súa conta, ter nun mesmo manual e de forma ordenada o que o profesor tenta ensinar na aula, é unha ferramenta de gran axuda”. Neste sentido engaden que “os que estudamos na vella escola e case non dispoñiamos de referencias bibliográficas, sabemos que estas cousas son moi importantes para unha boa aprendizaxe. Sabemos, ademais, que unha parte importante do alumnado valora positivamente este esforzo”. 

Boa preparación previa

Preguntados sobre a preparación no eido das matemáticas do alumnado que se incorpora á Universidade, consideran que atendendo á súa experiencia nas facultades de ciencias “a media é moi boa” aínda que depende da titulación e da procedencia do alumnado, xa que hai que ter en conta que á Universidade chegan estudantes de Bacharelato que cursaron Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias sociais, ou mesmo que levan anos se ver as matemáticas, alumnado que vén de FP ou que proceden das probas de maiores de 25 ou 45 anos. “Pensemos que a gran maioría do alumnado chega con 17, 18 anos e teñen capacidade suficiente para traballar e entender os materiais que lles proporcionan nas distintas materias dunha titulación, incluída as Matemáticas. A primeira materia de Matemáticas que afrontan no primeiro cuadrimestre supón unha formalización e asentamento algo máis teórico do que estudaron en Matemáticas II de Bacharelato, o que implica certa facilidade para o seu estudo”. Pola contra, as Matemáticas do segundo cuadrimestre “xa son material totalmente novo, descoñecido para o alumnado pero moi intuitivo, aínda que con certa dificultade para estudantes de primeiro ano de titulación”. En todo caso, conclúen, “son mozas e mozos cunha gran capacidade de entendemento e razoamento, o que os debe levar por un camiño cheo de éxitos”.