DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres presentáronse os cursos promovidos por Campus do Mar e a Autoridade Portuaria

MarENet lanza a primeira plataforma europea sobre oferta formativa e de emprego no eido da Economía Azul

Desde España lánzanse cinco cursos de especialización, todos con matrícula de balde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/05/2021

O proxecto europeo MarENet, liderado polo Campus do Mar, acaba de pór en marcha a primeira plataforma europea sobre oferta formativa e de emprego centrada no eido da Economía Azul. Aproveitando a recente celebración do Día Marítimo Europeo 2021, os socios españois deste consorcio –Universidade de vigo, a Asociación Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Confederación Española de Pesca (Cepesca) e o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (Icsem)- realizaron este venres unha presentación virtual do catálogo de formación e de ferramentas dixitais ás que xa poden acceder todas aquelas persoas que estean interesadas en formarse ou especializarse en diferentes ámbitos do sector mariño e marítimo nos que, ata o de agora, apenas había posibilidade de facelo.

A presentación desta nova oferta formativa, baseada en gran medida na demanda existente no sector, contou coa participación dos profesores da Universidade de Vigo José Ignacio Armesto e Laura Movilla, coordinadores de dous dos cursos impulsados desde a institución académica viguesa, así como de Carlos Botana, xefe do Departamento de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, e Kais Mohamed Falcón, xestor do proxecto MarENet.

Máis dunha ducia de cursos nas próximas semanas

En total presentáronse cinco cursos, impulsados os catro polos socios españois do proxecto. Son os primeiros en pórse en marcha e os que dan o impulso de saída á unha oferta formativa que se vai ir completando ao longo do mes de xuño e que incluirá, cando menos, doce cursos impulsados desde España, Irlanda e Francia, os tres países que forman parte deste consorcio europeo. A inmensa maioría serán cursos en liña e con matrícula gratuíta.

A proposta de cursos promovidos desde Galicia está integrada polos seguintes títulos: Fundamentos de deseño técnico con SolidWorks, coordinado polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, orientado a profesionais con perfil técnico no ámbito da mecánica, neste caso de carácter presencial; Global Governance of the Oceans, coordinado pola profesora da Facultade de Dereito Laura Movilla, sobre aspectos legais da economía e do medio ambiente nos mares de fóra das xurisdicións nacionais e da Unión Europea; Loxística Portuaria, sobre a operación e simulación dunha terminal de contedores; Operador de Lonxa, que ten como obxectivo estandarizar e formalizar as operacións habituais que se realizan despois da pesca ao inicio da súa comercialización; e un quinto curso, Normativa e regulamentación portuaria, que se centra nos aspectos legais de interese para as empresas loxísticas.

Durante a presentación da oferta formativa, cada un dos coordinadores afondou nos obxectivos e contidos de cada un dos cursos, describindo os perfís dos destinatarios máis axeitados para os mesmos e as aplicacións máis relevantes para a Economía Azul e, se ben o acto estivo centrado na presentación dos cursos impulsados desde España, tamén se fixo mención a outros cursos impulsados desde o resto de países socios. Neste sentido, destacouse que o primeiro en pórse en marcha foi o curso Introdución á industria 4.0 no sector naval e portuario, unha oportunidade para que os estudantes adquiran unha comprensión básica do cambio que a evolución tecnolóxica está a provocar neste tipo de organizacións e o impacto que estes cambios poden chegar a ter.

Demostración en directo das ferramentas dixitais

Aproveitando a celebración deste evento, os socios do proxecto realizaron tamén unha demostración en directo das ferramentas dixitais que xa están dispoñibles na plataforma de MarENet e que van encamiñadas a facerlle máis doado a todas as persoas interesadas a consulta de información non só sobre cursos, senón tamén sobre carreiras azuis e ofertas de emprego.

De cara a facilitar unha canle de comunicación e interacción directa e fiable entre empresas e emprendedores dos sectores vinculados á Economía Azul o proxecto puxo tamén en marcha a rede de contactos Business to Business, BtoB, sobre a que tamén se falou durante a presentación.

Dentro da estratexia de Crecemento Azul

Cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da Comisión Europea, MarENet ten por obxectivo fortalecer a cooperación entre as institucións académicas e as empresas do ámbito mariño para mellorar a visibilidade das oportunidades de formación e profesionais no sector da Economía Azul. Neste contexto, o pasado mes de novembro o proxecto recibiu un recoñecemento por parte da Unión Europea a través dos Premios Proxecto Atlántico, que recoñecen as mellores iniciativas aliñadas coas prioridades da Estratexia Atlántica. Neste contexto, MarENet foi recoñecido como proxecto europeo de boas prácticas polo seu papel na creación dun hub de coñecemento marítimo-pesqueiro-portuario, integrando o Know-how e coñecemento de centros de formación e empresas da fachada atlántica, o que fortalecerá as habilidades necesarias para adaptar os seus coñecementos ás necesidades actuais do sector.