DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na competición participaron 300 estudantes de toda España

María Juanatey, alumna de Publicidade e RRPP, gaña o certame nacional de talentos creativos “Versus”

A galardoada realizará prácticas de dous meses nunha das mellores axencias do país

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 09/09/2008

María Juanatey, alumna de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é unha das gañadoras do certame nacional de talentos creativos, Versus, que organiza o Club de Creativos para capturar novas promesas. Na competición participaron 300 estudantes procedentes de universidades e escolas de comunicación de toda España, dos cales foron seleccionados os 34 mellores, entre eles a representante da institución viguesa María Juanatey. Segundo explicou a galardoada, “aínda non o creo, cando me informaron de que era unha das candidatas para participar no certame xa fora unha sorpresa, e agora saber que fun unha das gañadoras..., é un soño”.
Os seleccionados participarán no coñecido Tour CdC, un programa que o Club de Creativos realiza anualmente e que permite aos novos talentos visitar seis axencias de Madrid e Barcelona, onde exporán un traballo ante o equipo creativo. Tras a avaliación dos directores do departamento e por orden de puntuación, cada participante escollerá unha das seis axencias para facer un training de dous meses. “No mes de outubro comezaremos o tour, e logo esperar a ver onde podo facer as prácticas, de todos os xeitos, calquera das opcións son unha oportunidade única para min”, comentaba a gañadora.
Nesta edición do certame, as empresas colaboradoras son Contrapunto, D6, Dommo Creative Center, Draft FCB, El Laboratorio S&J, Lola, McCann Erickson, Ogilvyone Worldwide, Prisma Grupo, Remo, Revolution, Saatchi & Saatchi, Shackleton, Sra. Rushmore, Tapsa, Tiempo BBDO, Vitrubio Leo Burnett, Wunderman e Young & Rubicam.

Unha proba on line para amosar a creatividade

A candidata da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tivo que realizar dúas probas on line para amosar a súa creatividade ante as mellores axencias a nivel nacional. A primeira, denominada Que te lo haga tu madre, consistiu en elaborar un vídeo de un minuto de duración onde a nai da participante ou unha persoa moi achegada, defendera a súa candidatura a gañar o certame. Juanatey botou man dunha señora de aldea que, coa fotografía da primeira comuñón da súa filla baixo o brazo, contaba marabillas da rapaza. “Foi algo gracioso, eu decidín presentar un traballo baseado nos tópicos galegos e parece que gustou”, comentou.
Xa na segunda proba, baixo o nome de Monta el pollo, os estudantes tiveron que levar a cabo unha acción real que tivera gran repercusión mediática. O traballo que levou á alumna pontevedresa a ser unha das 34 mellores foi un blog denominado Me da por culo el patrimonio, no que presentaba unha campaña de protesta contra a gran inversión que o Concello da Coruña fixo para promocionar a candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. "Mentres na cidade hai moitas cousas que remendar antes de gastar tantos cartos nunha cousa así”, explicou a autora. Como resultado do seu proxecto, persoas de todo o mundo participaron na web dando a súa opinión sobre o tema, polo que o xurado de Versus valorou moi positivamente a idea.

Unha vía de contacto co mundo laboral

O Club de Creativos é unha entidade sen ánimo de lucro integrada polas máis prestixiosas axencias de publicidade do país e que creou o concurso Versus como unha oportunidade para que os universitarios amosen o seu talento aos principais empregadores neste sector. Ao mesmo tempo, segundo explica a propia organización do certame, “proporciona aos rapaces unha vía de contacto co mundo laboral e permítelles confeccionar a súa propia carpeta de traballos, ademais de ser un incentivo para os estudantes”.