DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática emérita da UVigo foi a elixida na categoría de Artes Visuais

María Victoria Carballo-Calero, galardoada nos Premios da Cultura Galega 2022

As distincións son outorgadas pola Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 04/10/2022

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse este martes en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. Entre as e os galardoados está a catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero. Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.

A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, e tamén formaron parte do xurado o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco; o académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada nos Premios da Cultura Galega 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo..

Ademais de María Victoria Carballo-Calero foron distinguidos con estes Premios da Cultura Galega 2022 Marica Campo (na categoría de Letras); Melania Cruz (en Artes Escénicas); os Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela (en Música); Xosé Ramón Gayoso (Audiovisual); Manuel González (Lingua); Xacarandaina (Patrimonio Cultural) e Programa ConCiencia (Proxección Exterior).