DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Sin piel’ é o título da mostra que a artista e docente protagoniza en San Sebastián

Marina Núñez explora nunha exposición as conexións entre o humano, o natural e o tecnolóxico

Reúne preto de 50 obras na sala Kubo Kutxa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/02/2021

Sin piel é o título da exposición na que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Marina Núñez presenta preto de medio cento de obras, tanto pictóricas como videocreacións, que afondan nas relacións do ser humano tanto co medio ambiente como coa tecnoloxía, mostra coa que nestes días a sala Kubo Kutxa de San Sebastián abría a súa programación de 2021. Comisariada pola historiadora da arte Susana Blas, a exposición alude no seu título á “eliminación da fronteira que nos illa do exterior: a pel”, que leva “á fusión tanto co medio natural coa tecnoloxía”, segundo recolle o seu texto de presentación.

“Ese ser humano ‘sen pel’, máis exposto e vulnerable é un dos meus temas recorrentes”, recoñece Núñez respecto da idea central dunha exposición que xira en torno a esa relación “entre os humanos, a natureza, a tecnoloxía...”, conformada na súa meirande parte por obras realizadas nos últimos anos. A estas súmanse tres debuxos, unha instalación de dez vídeos en monitores e outra peza en vídeo que foron creadas especificamente para este proxecto. Non obstante, a exposición tamén aborda como as “dicotomías natureza-cultura e corpo-tecnoloxía” formaron parte do “imaxinario da artista”, como recolle o texto de presentación, ao longo das últimas tres décadas. De feito, ademais de reunir nunha das súas salas obras realizadas desde a década de 1990, a exposición complétase cun vídeo-ensaio sobre a traxectoria da Núñez, realizado por Susana Blas e Marta Azparren. 

Obras que o presente converteu en “estrañamente descritivas”

As obras seleccionadas para esta exposición, sinalan desde Kubo Kutxa, “proxectan identidades maleables e empáticas coa contorna, onde os límites físicos e psicolóxicos se dilúen ou duplican nos escenarios ou paisaxes dos que forman parte”. Sin piel, engade o texto, “fala de identidade, da idea de fronteira, do diálogo, case sempre incómodo entre o conectado, ilimitado, aberto, brando e metamórfico e o constrinxido, estereotipado e controlado”. Deste xeito, a exposición permite afondar no interese de Núñez por temáticas como a loucura, a morte, a monstruosidade e a ciencia ficción, por aquelo que “existe á marxe do normativo”. 

“Se ben toda a súa obra é un intento por mostrar realidades alternativas ao normativo, quizais a diferencia entre proxectos anteriores e esta exposición é a idoneidade da proposta nos tempos incertos apocalípticos que está vivindo a humanidade no último ano”, saliéntase tamén no texto de presentación de Sin piel, en alusión tanto a crise climática como á covid-19. Nese senso, Núñez recoñece que aínda que a pandemia non influenciase a exposición, si podería ter achegado outra lectura a este conxunto de obras centradas na “relación entre os humanos o seu medio ambiente”. “Nunha época de crise sanitaria e medioambiental como a que vivimos, de repente a ciencia ficción deixou de selo e algunhas obras resultan estrañamente descritivas”, recoñece e artista e investigadora do grupo dx5.

Un percorrido en espiral

“Síntome moi afortunada por poder expoñer nun espazo tan especial e rotundo arquitectonicamente”, salienta Núñez do Kubo Kutxa, un espazo expositivo inserido no edificio Kursaal, de Donostia, no que presenta 46 obras en catro salas, dúas delas iluminadas e destinadas ás obras materiais, pintadas e impresas, e outras dúas en penumbra, nas que se sitúan as proxeccións e videoinstalacións. Catro espazos que se presentan como “catro órbitas” en torno ás que se trazou un percorrido en espiral e que reciben os nomes de Supernovas, fractales y marejadas; Inmersión naturaleza y civilización; El ojo y las grietas e Un túnel del tiempo. “Susana Blas destacaba que as órbitas teñen sentido nunha traxectoria que non é lineal, senón que vai e volve sobre certas iconografías e temas, como un fluxo en bucle”, sinala a artista, que destaca o oportuno desa idea de “percorrido orbital” nunha exposición na que se combinan luz e escuridade e cunha “iconografía marcada pola ciencia ficción”.