DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista e docente de Belas Artes protagoniza a exposición ‘Vanitas’ no museo madrileño

Marina Núñez reinterpreta no Thyssen as naturezas mortas desde unha perspectiva de xénero

Varias das súas obras preséntanse xunto a cadros renacentistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/05/2021

Vanitas, termo que fai referencia a un subxénero pictórico do bodegón ou natureza morta, é o título da exposición que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Marina Núñez protagoniza desde esta semana no que en 2019 foi o quinto museo máis visitado de España, o Thyssen-Bornemisza de Madrid. Partindo de que na tradición artística os cadros heroicos considerábanse traballo dos pintores homes, mentres que ás mulleres artistas correspondíanlle xéneros considerados menores, como as naturezas mortas, Núñez reinterpreta este xénero pictórico “para abordar a nosa actual relación coa natureza desde un punto de vista post-humano, ecoloxista e feminista”, segundo destaca o museo. Comisariada por Rocío de la Villa no marco do programa Kora, que leva cada ano ao Thyssen unha exposición concibida desde unha perspectiva de xénero, Vanitas reúne 15 pinturas, vídeos e pezas de cristal tallado con láser, cinco das cales se exhiben nas salas dedicadas aos pintores renacentistas da colección permanente do museo.

“Expor nun centro tan importante é, naturalmente, un privilexio. Para min, é máis que un museo excepcional, é parte da miña educación como artista”, salienta Núñez que lembra a importancia que desde hai décadas ten para ela a colección do Thyssen-Bornemisza, "que repasei innumerables veces a través do primeiro catálogo de mestres antigos” que o museo publicou en 1992. De aí que sinale como “algo excepcional e difícil de crer” que cinco das obras que conforman Vanitas se exhiban xunto á colección permanente desta pinacoteca, nun diálogo con cadros nos que as flores están presentes. “Paréceme importante que os museos de obras de séculos pasados fagan exposicións ou intervencións puntuais de arte contemporánea. Creo que permiten aos espectadores entender influencias e liñas de continuidade, así como rupturas e subversións”, engade a profesora do Departamento de Pintura.

O fugaz permanece, o humano esvaece 

A idea xeral de Vanitas, que poderá visitarse ata o 29 de agosto, parte de como as mulleres pintoras, “por diversas prohibicións ou exclusións académicas e sociais, non podían pintar os cadros considerados xeniais, os cadros históricos e mitolóxicos, e quedábanlles os xéneros menores”, lembra Núñez. Ese sería o caso das naturezas mortas, dentro das que Núñez detense nos cadros de flores e nas vanitas, composicións que aludiron ao longo da historia da arte á fugacidade da vida. Faino nun proxecto expositivo que, como engade o museo, distánciase “da concepción do bodegón como meramente ornamental” para referirse á “condición orgánica do ser humano e a súa fraxilidade, á conexión entre o corpo e a natureza". Deste xeito, a artista presenta no Thyssen-Bornemisza, pinturas “nas que as flores, símbolo do belo, fugaz e incluso frívolo”, permanece, “mentres o humano esborrállase”, xunto con vídeos nas que as flores vense “embarcadas en xestas heroicas”, como as que os humanos protagonizaban nos cadros renacentistas. 

Segundo salienta no catálogo da mostra a comisaria Rocío de la Villa, Núñez retorna con este proxecto “á representación de naturezas mortas e vanitas desde unha posición ecofeminista”. A este respecto, a artista e docente sinala que, pese a non ser “en absoluto unha experta en ecoloxía, parece claro que o feminismo e o ecoloxismo comparten un rexeitamento das actitudes fundamentalistas daqueles que sinten que son o canon e o centro do universo”, así como “unha vontade de empatía co outro, incluíndo o medio ambiente”.

Obras que dialogan coa historia da arte

Xunto a cadros de Hans Mernling, Jan de Beer e París Bordone, Núñez presenta no Thyssen tres vídeos da serie Flores heroicas, nos que lirios, rosas e iris “estalan nunha combustión espontánea e renacen vencedoras no seu combate contra as desigualdades”, segundo informa o museo. Trátase dunhas obras creadas especificamente para este proxecto, ao igual que as dúas pezas gravadas con láser en cristal, que “representan manos ramificadas, practicamente convertidas en árbores” e que se exhiben xunto a dous retratos de persoas sostendo flores, un de Joos van Cleve e outro dun autor anónimo alemán. 

Outras dez pezas exhíbense na sala miradoiro do Thyssen, onde poden verse os vídeos da serie Natureza, nos que Núñez alude “ás explotacións naturais e culturais da civilización occidental”, ou a serie de debuxos Marejada, “nos que o corpo feminino se mestura con formas vexetais”. Tamén forman parte de Vanitas tres pinturas ao óleo, nas que reflexiona "sobre a relación de conflito entre o ser humano e a natureza", que a artista realizou durante o confinamento, un período que, lembra, levouna, "de forma casual", a volver "debuxar e pintar, con lapis e óleo”, imaxes previamente xeradas a través do ordenador.