DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois dunha semana de competición no pavillón de deportes do campus

Marius Manolache gaña un disputado VI Torneo Internacional de Xadrez

O certame decidiuse na última ronda

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
DUVI Ourense 08/07/2019

Marius Manolache, xogador do equipo Medicina Timisoara, de Romanía, proclamouse este domingo campión do VI Torneo Internacional de Xadrez, organizado do 1 ao 7 de xullo no pavillón de deportes do campus de Ourense polo Club Xadrez Ourensán Universitario e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A cita contou coa participación de arredor de 70 xogadores e xogadoras de oito nacionalidades, entre eles 14 mestres.

A competición, que tivo a colaboración do Concello, a Deputación e a Delegación de Deportes da Xunta en Ourense, entregou o domingo os seus premios, cunha dotación total de 6000 euros. Se o primeiro premio, dotado con 1200 euros e trofeo, foi para Marius Manolache, o segundo, dotado con 900 euros e trofeo, correspondeu a Arián González, xogador de orixe cubana actualmente estudante da Universidade de Vigo e membro do equipo Liceo Ourensán. O terceiro premio, con 600 euros e trofeo, foi para Karen H. Grigoryan, de Armenia. En total entregáronse 23 galardóns en diferentes categorías.

Coa entrega de premios celebrada o domingo rematou unha edición que desde o a súa organización destacan “o alto nivel de xogo” que se puido ver nos taboleiros. Así, apuntan, ata a penúltima ronda os tres xogadores que acadaron o podio estiveron igualados a puntos, desempatando na última ronda. “Houbo emoción e calidade de xogo ata o final”, destaca Lino Hermida, director do torneo. A competición foi válida para Normas Internacionais de Xadrez, Elo Fide e Elo Feda e disputouse polo sistema suízo de nove rondas.