DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ao proxecto europeo Tempus

Marrocos creará Oficinas de Relacións Internacionais tomando Vigo como referencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/10/2007
Catorce universidades e o Ministerio de Educación marroquís porán en marcha Oficinas de Relacións Internacionais tomando a ORI viguesa como punto de referencia, unha demostración máis de que “a Universidade de Vigo se está a converter nun referente en temas de mobilidade e calidade” en palabras do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area.
Area fixo estas declaracións na clausura este venres no Edificio Miralles do proxecto europeo Tempus que, liderado pola Universidade de Vigo, permitirá a posta en marcha en Marrocos dunha estrutura organizada de Oficinas de Relacións Internacionais universitarias, algo inexistente ata o inicio deste proxecto.
“Nalgunhas universidades marroquís había algunha persoa que era a que se encargaba destes temas, noutras nin sequera iso. Agora o que se vai pór en marcha é unha rede de oficinas perfectamente estruturada”, salientou Anselmo Seoane, director da Oficina de Relacións Internacionais da UVigo. “Para nós este programa foi todo un orgullo. Formar todas as universidades marroquís e o ministerio de Educación é un feito máis ca importante ou, cando menos, amosa que sabemos facer as cousas. Hai que ter en conta que falamos de universidades grandes, Marrakech por exemplo ten 45.000 alumnos”, continuou Seoane.
Pola súa banda, o vicerreitor de Relación Institucionais sinalou tamén que a universidade española se atopa inmersa no proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior ao que se referiu coma “unha oportunidade única para dotar aos nosos alumnos dunha mellor oferta”.
Desde o outro punto de vista, o marroquí Omar Hassnaoui da Universidade Hassan I de Settat, comentaba que “foi unha relación moi frutífera e interesante e amosa o compromiso dos responsables universitarios de Marrocos de crear esta rede de oficinas para impulsar a mobilidade de estudantes e profesores do noso país”. Por outra banda, Nadia Handaq, da Universidade Moulay Ismaïl en Meknes, sinalaba o importante de “ter en conta que nos nosos centros temos bastante mobilidade a nivel de profesorado, pero o número de estudantes que se desplazan é aínda moi escaso. Na nosa universidade, por exemplo, movemos pouco máis de vinte estudantes por curso, sen embargo as cifras de profesores pasan de trescentos”.

Un proxecto con 400.000 euros de financiamento

Con preto de 400.000 euros de financiamento e tres anos de duración, este proxecto supuxo o establecemento de diferentes actividades formativas que se levaron a cabo en Marrocos e nas diferentes universidades europeas que participaron no proxecto: o Grupo Compostela de Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Università degli Studi di Perugia (Italia), Masaryk University in Brno (República Checa) e a University of Karlstad (Suecia).
Froito de todo este traballo editouse tamén un manual de boas prácticas das ORIs que hoxe lle foi entregado aos participantes, xunto aos diplomas acreditativos da súa participación.