Formada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Marta Domínguez proclámase campioa do mundo universitaria de squash
No torneo que nestes días se disputa en Suráfrica
“A verdade é que é unha maneira preciosa de pechar o meu ciclo na Universidade”. Deste xeito definía a deportista Marta Domínguez a medalla de ouro que nas últimas horas acadaba na competición individual feminina do Campionato do Mundo Universitario de Squash, que se disputa nestes días en Suráfrica. Semanas despois de defender o seu traballo de fin de máster na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Domínguez foi seleccionada como unha das e dos tres representantes de España no torneo universitario que nestes días reúne en Johannesburgo máis de 70 deportistas de 14 países. Tras completar a súa terceira tempada no circuíto profesional de squash no posto 61 do ránking mundial PSA, Domínguez Fernández acudía ao torneo co obxectivo de mellorar a medalla de bronce acadada en 2022, cando se converteu na primeira estudante da UVigo que subía o podio dun mundial universitario deste deporte. Desta volta, a deportista do Squash Rías Baixas partía ademais como primeira cabeza de serie na competición individual, na que rematou alzándose co ouro tras derrotar á representante de Hong Kong Nga Ching Cheng en cinco sets, nunha igualada final.
“Sabía que era a última oportunidade que tiña de vir o mundial universitario. Podía ter escollido ir a outro torneo do circuíto profesional, pero decidín vir a este, polo que conseguir este ouro, que non foi fácil, porque foi unha final moi dura, faime unha ilusión tremenda”, recoñece Domínguez. Como primeira cabeza de serie, ao ser a participante mellor situada no ránking mundial, Domínguez iniciou a competición en segunda rolda, na que superou en tres sets á xaponesa Kurumi Takahashi, para logo derrotar tamén por 3-0 á francesa Kara Lincou nos cuartos de final. A continuación, venceu en catro sets á tamén representante de Hong Kong Ching Hei Fung nas semifinais, tendo que enfrontarse no partido polo ouro a unha xogadora situada no posto 65 do ránking PSA.
“Foi unha final moi parella”, recoñece Domínguez dun partido que disputábase ademais a máis de 1700 metros de altitude, “o que nótase moitísimo fisioloxicamente”. Despois de perder o primeiro set, a representante da UVigo lograba pórse por diante vencendo por 11-5 e 11-8 nos dous sets seguintes, pero Nga Ching Cheng gañou o cuarto, polo que todo ía decidirse no quinto. “No último xogo pode pasar calquera cousa”, apunta Domínguez, que recoñece ter feito o seu mellor set da final nese momento decisivo, no que superou á xogadora de Hong Kong por 11-4 para alzarse coa medalla de ouro. Esta seralle entregada este domingo na cerimonia de clausura deste campionato promovido pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) e organizado pola Universidade de Johannesburgo e pola University Sport South Africa.
O broche a unha etapa que dá folgos para o futuro
A comezos de 2024, Domínguez era unha das tres estudantes ás que a UVigo outorgaba as súas axudas para apoiar a deportistas universitarios de elite na preparación de competicións internacionais oficiais, tanto no ámbito federado e universitario. O mundial promovido pola FISU era de feito un dos retos cos que afrontaba este ano, no que en febreiro alzábase co seu segundo título de campioa de España. Pouco despois acadaba a clasificación para o Campionato do Mundo, onde caeu en segunda rolda e, xa no inicio dunha nova tempada, remataba sexta en agosto no Campionato de Europa individual. Semanas despois, chegou un título mundial “que tamén dáche un empuxe para seguir adestrando”, recoñece.
Nese senso, Domínguez destaca 2024 como un ano moi positivo, tanto no deportivo como no académico. “Non é só a parte do squash, para min os estudos eran o primordial, porque isto é un deporte minoritario e eu agora podo vivir do squash, pero logo...”, relata a xa egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde cursou primeiro o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e logo o máster en Profesorado. “Quedar campioa do mundo universitaria é tamén un premio á parte do estudo, que levou o tempo e o seu sacrificio”, sinala semanas despois de ter presentado o seu TFM. Nese senso Domínguez recoñece que “sen a axuda dos profesores, moitas veces non podería ter feito as dúas cousas á vez” e destaca nomeadamente o apoio do docente Pedro Vicente Vila, titor dos seus traballos de fin de grao e mestrado. “Cando quedas campioa, non é só polo traballo que fas ti”, engade esta deportista, que salienta tamén o labor do equipo técnico do Squash Rías Baixas, “xa que para min este ouro é tan meu como deles”.