DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa é a única candidatura presentada ás eleccións

Marta Fernández opta a un segundo mandato como decana de Dereito

A votación da Xunta de Facultade será o 14 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/12/2018

“O noso obxectivo estratéxico prioritario foi e deberá seguir sendo consolidar e sobre todo reforzar cada vez máis a posición da Facultade de Dereito de Ourense dentro do Sistema Universitario de Galicia”. Con este obxectivo e tras tres anos ao fronte deste centro, Marta Fernández opta a renovar o seu cargo como decana da Facultade de Dereito do campus de Ourense. A súa foi a única candidatura presentada ás eleccións, sendo a votación da Xunta de Facultade o venres 14 de decembro.

O equipo co que se presenta a este segundo mandato, indica Marta Fernández, “é claramente de continuidade do anterior´”, agradecendo “o apoio, colaboración, implicación e arduo traballo desenvolvido por ese equipo”. Concepción Martínez mantense como secretaria da facultade e Lourdes Borrajo como vicedecana. Susana Álvarez incorpórase como vicedecana e Francisca Fernández Prol, ata o de agora vicedecana, pasa a asumir a coordinación de grao. Continúan tamén María Dolores Fernández, coordinadora do Mestrado Universitario en Avogacía, e Belén Sánchez, coordinadora de Relacións Internacionais.

Sobre o centro ao que aspira a continuar dirixindo, Marta Fernández indica que “somos un centro pequeno, situado nun campus periférico, pero esas calidades fortalécennos como facultade”. Salientando como “temos un persoal docente e investigador, un persoal de administración e servizos e un alumnado altamente implicado e comprometido co centro”, a candidata sinala como “conseguimos adoptar practicamente todas as decisións mediante consenso e temos unha relación cordial con institucións do ámbito xurídico e un respaldo importante dos profesionais e a sociedade da nosa contorna”. “Os anteriores equipos contribuíron á consolidación da nosa facultade no Sistema Universitario de Galicia e creo que, tras este tres anos de mandato, temos unha facultade cada vez máis arraigada e fortalecida”, subliña a profesora.

Balance de mandato

Entre os fitos acadados polo centro no mandato que agora remata, Marta Fernández sinala aspectos como renovar a acreditación dos títulos oficiais adscritos á facultade, indicando ademais como recentemente o centro recibiu un informe positivo da ACSUG en relación co seguimento da certificación do seu sistema de calidade obtido en 2015 e que o certifica ata 2021. Ademais, engade, “a Universidade de Vigo solicitou xa a acreditación institucional da ACSUG para a nosa Facultade de Dereito e entendemos que cumprimos os requisitos”. Adecuar a oferta de títulos “á demanda social real e manter o número de prazas e de alumnado no Grao en Dereito, no Programa Conxunto ADE-Dereito e no Mestrado Universitario en Avogacía”, é outros dos logros que destaca a candidata dos tres últimos anos de traballo do seu equipo. A eles engade cuestións como o impulso de prácticas externas, curriculares e extracurriculares, “con múltiples convenios novos con institucións e despachos”.

No balance do primeiro mandato Marta Fernández apunta tamén como “conseguimos unha elevada demanda na titulación que nos permitiu ata agora pechar as titulacións de grao en xullo; gozamos do apoio e a confianza da sociedade da nosa contorna e mantemos unha colaboración fundamental co Colexio de Avogados de Ourense e con institucións e despachos que acollen ao noso alumnado en prácticas e coñecen a súa formación”.

Retos de futuro

En caso de acadar o apoio da Xunta de Facultade o día 14 de decembro, Marta Fernández sinala como “o noso principal reto será tratar de fortalecer a nosa posición e avanzar sempre na mesma dirección: na mellora do centro e das nosas titulacións de Grao en Dereito, Programa Conxunto ADE-Dereito e Mestrado Universitario en Avogacía”. É, apunta, “un reto moi ambicioso, é incluso a nosa misión como Facultade de Dereito, centrada en tres eixes prioritarios: proporcionar ao noso alumnado unha formación xurídica teórica e práctica exhaustiva e de calidade en todas as ramas do dereito; contribuír á mellora da investigación, mesmo cun carácter pluridisciplinar; e a difusión e transferencia de resultados baixo criterios óptimos de excelencia”.

“Agora só queda, se obteño o apoio da Xunta de Facultade, afrontar o próximos tres anos con moita ilusión para acometer novos proxectos e afrontar importante retos, coa colaboración de todas e todos e coa seguridade de que deixarei a facultade ao final do mandato en boas mans”, comenta por último Marta Fernández.