DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa foi a única candidatura presentada ás eleccións

Marta Fernández renova o seu cargo como decana de Dereito

A Xunta de Facultade votou por unanimidade a favor da súa continuidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/12/2018

A Xunta de Facultade de Dereito votou este venres por unanimidade a reelección de Marta Fernández como decana deste centro. A súa candidatura, a única que se presentou ás eleccións a decanato, acadou 24 votos favorables, todos os depositados na urna. A profesora afronta un segundo mandato co obxectivo de dar continuidade ao traballo desenvolvido ata o de agora polo seu equipo e polos anteriores equipos decanais, tal e como destacou no seu discurso.

“Estou moi contenta co resultado. Agradezo o respaldo da Xunta de Facultade, un respaldo sentido non só hoxe senón ao longo destes tres últimos anos e que foi o que finalmente me animou a presentarme co meu equipo de novo”, comentou Marta Fernández trala súa reelección. O apoio recibido, recalcou, “dáme máis forza e ilusión para afrontar os próximos tres anos e os retos que temos por diante e para os que necesitamos a colaboración de todos os colectivos, tanto alumnado como persoal docente e investigador como persoal de administración e servizos”.

O equipo co que se presentou a este segundo mandato, lembrou Marta Fernández, “é claramente de continuidade do anterior”. Concepción Martínez volve a ser secretaria da facultade; Lourdes Borrajo será vicedecana de Planificación e Calidade; Susana Álvarez incorpórase como vicedecana de Organización Académica e Profesorado; Francisca Fernández, ata o de agora vicedecana, pasa a asumir a coordinación de grao; María Dolores Fernández mantense como coordinadora do Mestrado Universitario en Avogacía e Belén Sánchez continúa como coordinadora de Relacións Internacionais.

Plan estratéxico, titulacións e acreditación

No seu discurso ante a Xunta de Facultade Marte Fernández recalcou como o obxectivo prioritario do seu equipo será neste segundo mandato continuar consolidando a posición da Facultade de Dereito dentro do Sistema Universitario de Galicia e tamén as súas titulacións, que son o Grao en Dereito, o Programa Conxunto ADE-Dereito e o Mestrado Universitario en Avogacía. Para acadar este reto como centro sinalou tres eixes principais de actuación, como son proporcionar ao alumnado unha formación xurídica teórica e práctica exhaustiva e de calidade en todas as ramas do dereito; contribuír á mellora da investigación, mesmo cun carácter pluridisciplinar; e a difusión e transferencia de resultados baixo criterios óptimos de excelencia”.

Entre os retos para o próximos tres anos, Marta Fernández subliñou a elaboración do plan estratéxico do centro para o período 2019-2022, no que apostou por deseñar “unha visión ambiciosa pero realista para a facultade” que permita reforzar a súa posición. Outros dos obxectivos apuntados pola decana foron conseguir a acreditación institucional do centro por parte da ACSUG; avanzar na multidisciplinariedade; fomentar as prácticas do alumnado e a súa internacionalización e consolidar os datos de matrícula en grao e incentivar os de mestrado. “Só co compromiso de todos conseguiremos avanzar na mellora continua do centro”, recalcou Marta Fernández lembrando como durante o mandato que remata conseguiron adoptar practicamente todas as decisións mediante consenso e como o centro conta co apoio dos axentes da súa contorna, nomeadamente os do eido xurídico.