DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campión do mundo de maratón protagonizou un coloquio na sede da Vicerreitoría

Martín Fiz: “Con perseveranza, traballo e humildade pódese conseguir calquera cousa, dentro e fóra do deporte” 

O acto completouse coa proxección dun documental sobre a súa traxectoria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/11/2021

“Con perseveranza, traballo e humildade pódese conseguir calquera cousa na vida, dentro e fóra do deporte”. Esta foi unha das mensaxes que na tarde deste luns trasladou o campión do mundo de maratón e Premio Príncipe de Asturias do Deporte Martín Fiz na conversa que protagonizou na Vicerreitoría do campus co tamén atleta Elías Domínguez. A traxectoria persoal e deportiva do tamén campión de Europa desta disciplina centrou un coloquio que se viu precedido pola proxección do documental Fiz, puro maratón, nun acto que constituía a primeira sesión de Talento, superación e desafíos, un ciclo dirixido a pór en valor as historias de homes e mulleres “que presentan valores compartidos por todos e todas como son a superación, o esforzo e a mentalidade positiva”, segundo sinalou o vicerreitor do campus, Jorge Soto.

Dirixido por Rodrigo Moro, este documental estreado en 2014 percorre a vida, tanto familiar como deportiva, de Fiz, e os obstáculos e atrancos aos que tivo que facer fronte, lembrou, “un rapaz de familia humilde, un rapaz da aldea que ía conseguir ser campión de Europa e do Mundo”. Nese senso, Fiz recoñeceu verse “moi ben reflectido” nun filme que percorre unha traxectoria “con subidas e baixadas, na que nada foi fácil” e que lle permitiu trasladar, a través das súas propias vivencias, a mensaxe de que “co deporte pódense conseguir moitas cousas”. Fíxoo nunha conversa co subcampión de España de Maratón e subcampión do Mundo de Media Maratón Elías Domínguez, que partiu dos seus inicios nunha familia orixinaria da aldea salmantina Tamames, que se traslada a Vitoria, para afondar logo nos seus logros deportivos, pero tamén en problemas como unha lesión que mesmo puxo en risco a súa vida.

Fíxoo na primeira sesión desta iniciativa impulsada pola vicerreitoría do campus, que contou, entre outros, coa asistencia do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, e o deputado provincial Gorka Gómez, así como con diferentes representantes do tecido deportivo da cidade.

“Levantarse e seguir adiante”

Neste percorrido pola súa traxectoria, Fiz puxo de relevo a importancia de “aproveitar as oportunidades” e de “decidir que queres ser”, en lugar de deixarse guiar por ideas como, no seu caso, que non lle ía ser posible “gañarse a vida” co atletismo. “Desde moi pequeno tiven claro que quería ser corredor”, subliñou este deportista, que situou na perseveranza o “factor diferencial” das persoas que, no ámbito que sexa, “teñen talento físico e mental”. 

“Unha das cousas que distinguen unhas persoas de outras é que nos momentos malos saben levantarse e seguir cara diante, cando o máis fácil sería afundirte”, sostivo Fiz, que puxo de relevo o “afán de superación” que implica o deporte. Nese senso, puxo como exemplo o crecente número de persoas que practican running, “no que o que menos importa é gañar”, senón que implica que persoas de diferentes idades e condicións se enfronten ao reto de ser quen de percorrer unha determinada distancia. “Se son capaces diso, son capaces de calquera cousa na vida”, salientou este deportista, que valorou nese senso o feito de que, tras o confinamento, moita xente se animase a practicar deporte “e en como este lles está axudando”.

Fortaleza física e mental

“Sempre dixen que detrás dunha vitoria, hai centos de derrotas”, engadiu Fiz, quen pon de relevo a importancia que, alén da física, ten a preparación mental, máxime nunha disciplina como o maratón, “na que só podes facer dúas carreiras ao ano”. Dado que, engadiu, “o desgaste físico e mental é moi grande”, este tipo de carreiras implican que “te xogues cinco meses de preparación en dúas horas”, de tal xeito que os aspectos psicolóxicos son ao seu xuízo “tan importantes ou máis” que a propia preparación física. “Sabes que é un día ao que tes que chegar en plenitude de forma, pero se atravesas algún problema anímico ou persoal, ese balance desequlíbrase”, apuntou este atleta, que lembrou que unha maratón implica á súa vez “máis de dúras horas” de concentración. Non en van, a carreira implica tamén estar atento “a eses pequenos detalles e estratexias, a pensar que vai pasar, intuír cales van ser os teus rivais, quen pode estar máis forte nos metros finais...”, unha serie de elementos que obrigan a manter a máxima concentración ao longo de toda a proba.