DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración de “IconoTypo”, en Ciencias Sociais e da Comunicación

Martín Montesinos, Andreu Balius e Marc Salinas afondan nas orixes do deseño gráfico e nas novas tendencias neste eido

O encontro pretende converterse nun congreso internacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 18/04/2008

José Luis Martín Montesinos, Marc Salinas Claret e Andreu Balius, tres dos nomes máis recoñecidos a nivel nacional pola súa prestixiosa traxectoria laboral no eido do deseño gráfico, protagonizaron este venres en Pontevedra a inauguración de Icono Typo, a I Xornada de Deseño Gráfico e Tipografía que “nace con modestia pero con ambición, xa que pretende converterse nun congreso internacional que reúna cada ano aos mellores profesionais neste campo”, segundo o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, unha idea na que tamén quixo incidir o profesor responsable desta iniciativa, Pedro Pablo Gutiérrez.
"As letras e a súa forma tamén comunican e moitas veces non reparamos na importancia que teñen, o seu formato é imprescindible xa que é o que primeiro chega aos ollos do espectador”, destacou o decano ao respecto da importancia de emprender unhas xornadas sobre esta materia.
Martín Montesinos, mestre recoñecido a nivel internacional e que o docente, Pedro Pablo Gutiérrez, presentou como “un home que leva a tinta e os sistemas de impresión na sangue” foi o encargado de abrir o programa. Fillo e neto de tipógrafos, Montesinos fixo un repaso pola orixes do deseño gráfico, unha disciplina aínda en construción e que, como moitas outras, os especialistas non se poñen de acordo na súa definición. En relación a esta idea o convidado apuntou que “hai varias visións desta profesión, pero actualmente o que pretende é satisfacer as necesidades dunha comunicación visual”, afirmou Montesinos no seu relatorio. Outro dos eixos fundamentais que centrou a súa conferencia foi unha pequena homenaxe ao pioneiro Giralt Miracle, afondando nas doazóns que fixo neste eido e que Montesinos coñece moi ben, xa que as recolle no seu último libro sobre o creador.
A xornada IconoTypo continuou ao longo da mañá coa participación do tamén experto e membro fundador do colectivo Catalana de Tipos, Marc Salinas, que afondou no constante diálogo que existe entre as letras e o deseño gráfico na súa charla Tipografía creativa. Salinas dirixiuse aos asistentes dun xeito ameno e explicou o fenómeno que significou no seu momento a creación do grupo ao que pertence.
Para pechar esta primeira sesión, Andreu Balius, o fundador do estudo Typerware en Barcelona e creador do proxecto Garcia fonts & co e TypeRepublic, compartirá as súas experiencias no sector e a súa paixón polo deseño nunha interesante charla baixo o título Saboreando a tipografía.

O sábado no Marco

A I Xornada de Deseño Gráfico e Tipografía estenderase este sábado, 19 de abril, ata o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (Marco), onde os tres protagonistas Montesinos, Salinas e Balius, formarán parte da mesa redonda O deseño gráfico en España. A visita destes grandes personaxes non podía pasar desapercibida para o Marco, onde se dará a visión moderna dunha disciplina que cada vez ocupa máis espazo, tanto académico como profesional no noso país e fóra de el.