DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus únese á celebración do nacemento da escritora galega

Unha mascarada para celebrar o Día de Rosalía

A programación xa está en marcha coa convocatoria dun concurso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/02/2019

Desde o ano 2010 e a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o día 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Un ano máis, e xa van tres, o campus de Ourense únese a esta conmemoración cun programa de actividades que arranca coa convocatoria dun concurso e que culminará coa celebración de diversos actos o luns 25 de febreiro. A iniciativa quere homenaxear “a figura fundacional da cultura e a literatura galega modernas”, tal e como destacan desde a organización.

O Día de Rosalía no campus de Ourense está organizado por un grupo de profesoras e profesores da Facultade de Ciencias da Educación formado por Isabel Mociño, Xosé Constenla, Xabier Blanco, Ana Iglesias e Verónica Pousada co apoio da Área de Cultura da Vicerreitoría do Campus de Ourense e coa colaboración da Biblioteca Rosalía de Castro, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. “Cada ano hai máis adhesión a esta efeméride, cada ano son máis as institucións que colaboran e nós nesta ocasión o que queremos é facer un acto extensible a todo o campus, para que toda a comunidade universitaria participe activamente”, explica Isabel Mociño en nome da organización.

Certame de máscaras

A programación xa está en marcha coa posta en marcha dun concurso de máscaras en Instagram. O certame, que segue o lema Do XIX ao XXI: Libre o meu pensamento! proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para esta conmemoración, está aberto á participación dos membros comunidade universitaria da Universidade de Vigo. As persoas que queiran participar deberán decorar de xeito artístico unha imaxe en branco da cara de Rosalía de Castro proporcionada pola organización en formato electrónico ou impreso. Ben por medios materiais plásticos ben por medios dixitais, cada participante publicará a través da rede social Instagram unha fotografía do seu deseño físico ou en formato dixital, acompañado da etiqueta #uvigorosalia e da mención @universidadedevigo. Ademais da imaxe, cada participante incluirá na súa publicación un texto de non máis de 200 caracteres a xeito de “pensamento”.

A data límite para a publicación das propostas artísticas será este domingo 24 de febreiro ás 14.00 h. Todas as propostas serán valoradas por un xurado composto por persoal docente da Facultade de Ciencias da Educación e persoal técnico da Área de Cultura do campus. Avaliarase a calidade artística da peza, así como a complexidade da súa elaboración e terase en conta a coherencia entre o deseño e a literalidade do pensamento. Concederanse tres premios que poderán quedar desertos se o xurado considera que ningunha das propostas acredita a calidade suficiente.

Actos o día 25

A conmemoración do Día de Rosalía será o 25 de febreiro, partindo da Biblioteca Rosalía de Castro do campus. Ademais de habilitar neste centro unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega, a homenaxe iniciarase ás 12.00 h cunha mascarada poética na que alumnado, profesorado e outros membros da comunidade universitaria percorrerán os diferentes edificios do campus coas máscaras de Rosalía feitas para o concurso, recitando poemas e animando ao público a que lea algún poema e se una ao percorrido. Ás 13.00 h no espazo entre o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro, darase lectura ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co gallo do Día de Rosalía, celebrarase a entrega dos premios do concurso de máscaras e haberá unha lectura colectiva de versos e unha interpretación musicada de varios poemas por parte de alumnado.

“Rosalía de Castro é un referente que temos e que debemos celebrar e dar a coñecer”, comenta Isabel Mociño sobre a importancia de unirse a esta conmemoración, na que agardan a participación de máis dun centenar de membros da comunidade universitaria. A profesora recalca a importancia de implicar ás novas xeracións neste tipo de accións para que haxa unha transmisión cultural, especialmente tendo en conta que os futuros mestres e mestras son “mediadores por excelencia”. Como sociedade, indica, “temos efemérides, celebracións e esas mesmas celebracións e efemérides son as que nos caracterizan e dan cohesión social. É o que fai que nos sintamos pertencentes a algo”, apunta sobre a relevancia de festexar o Día de Rosalía.