DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un acordo asinado entre a empresa e a Universidade

O Master en Consultoría de Software Libre será parcialmente financiado por Tecnocom

É unha das principais entidades do sector

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 25/01/2008

A Escola Superior de Enxeñaría Informática e a empresa de desenvolvemento de software Tecnocom asinaron un convenio para o financiamento parcial do Master en Consultoría de Software Libre. O reitor da Universidade, Alberto Gago e o director xeral da Rexión Noroeste da empresa, Santiago Cárdenas, foron os encargados de firmar o acordo.
Precisamente Gago subliñou que esta é a “clase de convenio que a calquera reitor lle gusta asinar e máis cando estamos a dicir que somos unha Universidade de perfil tecnolóxico orientada á transferencia. Isto é un exemplo do que se debe facer. A gran novidade que é o master público é unha oportunidade de ouro para a idea de saír e mesturarse coas empresas”, dixo.
Á súa vez, Enrique Barreiro, director da E.S. de Enxeñaría Informática explicou que a idea do master “naceu do anterior director e actual vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez”, que tamén acudiu ao acto, “e para nós é moi importante porque é o primeiro posgrao que organizamos aquí e tiñamos unha idea moi clara: que formara xente preparada e con competencias no que demandan as empresas do sector tecnolóxico” dixo. Ademais resaltou “o bo momento para facelo pola política da Xunta neste eido, e ir da man dunha das tres mellores empresas no sector como é Tecnocom é todo un luxo xa non só polo aporte económico senón polas ideas e o asesoramento do master en si”. Por último engadiu que é o único posgrao enfocado a formar consultores e directores de proxectos en software libre e non programadores, como é o caso do outro master xa existente.

Tecnocom

A Rexión Noroeste de Tecnocom procede do que era a antiga Softgal, líder en tecnoloxía e información e da corporación Caixa Galicia. Recentemente foi vendida a Tecnocom, que nalquel momento era un proxecto empresarial que pretendía construír unha das principais empresas TIC españolas. A finais do 2006 xa era a terceira por volume de facturación, uns 180 millóns de euros ao ano e de empregados, ao redor de 1200, dos que Galicia xeraba 26 millóns de euros e tiña 313 empregados. Santiago Cárdenas, explicou que “en 2007 a rexión que dirixo tivo un crecemento de máis do 50% cunha facturación de 37 millóns e coa creación de 180 postos de traballo. Isto vai seguir, o sector está crecendo pero faltan profesionais, temos moitos problemas para encontrar xente preparada”. Agradeceu, por tanto, á Universidade por “deixarnos participar da idea e enfocar ao mercado o plan de estudos porque moitas veces ao rematar a carreira a formación adquirida non é productiva dende o primeiro minuto e hai que investir moito en reforzar e adaptar os conceptos en base á realidade”.

O “Master en Consultoría de Software Libre”

Ademais de financiar parte do master, Enrique Barreiro destacou que Tecnocom “ofrecerá prácticas aos alumnos, que no caso do posgrao son voluntarias, asesorará en canto ás necesidades reais do mercado e participará na docencia” dixo. O master terá un máximo de 30 prazas e unha duración anual. O primeiro curso comezará previsiblemente no 2008/09 xa que a valoración da axencia de calidade ACSUG foi positiva e consideraron que o posgrao está xustificado, pero está pendente da aprobación oficial por parte da Consellería de Innovación e Industria.