DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acordo coa Università degli Studi di Palermo entrará xa en vigor o vindeiro curso

O Máster en Tradución para a Comunicación Internacional asina un convenio de dobre titulación cunha universidade italiana

Poderán acollerse ao programa tres estudantes por curso académico e por institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 01/07/2024

A Universidade de Vigo segue a ampliar o seu catálogo de dobres titulacións internacionais e faino, nesta ocasión, a través do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional que, desde o vindeiro curso, ofrecerá a posibilidade de obter unha dobre titulación coa universidade italiana Università degli Studi di Palermo, grazas ao acordo asinado esta semana polos reitores de ambas as institucións. 

Este novo acordo enmárcase dentro do compromiso por fomentar a mobilidade académica e o recoñecemento mutuo de créditos. Tal e como se estipula no convenio, o estudantado seleccionado de ambas as universidades terá a oportunidade de cursar estudos en ambas as institucións e, ao culminar o programa, obterá un título de Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional por parte da UVigo e un diploma de Corso di Laurea Magistrale in Lingue Moderne e Traduzione per le Relazioni Internazionali por parte da Università di Palermo. 

“Representa unha oportunidade única para o alumnado do MTCI”

Este programa de dobre titulación permitirá ao estudantado ampliar a súa formación e competencias nunha contorna internacional, enriquecendo así o seu perfil profesional. “A sinatura deste convenio é o resultado de numerosas horas de dedicación e reunións intensivas coa universidade socia que, finalmente, desembocaron neste acordo significativo. Este convenio representa unha oportunidade única para o alumnado do MTCI, abrindo novas portas e creando valiosas oportunidades para o seu desenvolvemento profesional e académico”, salientou o coordinador Óscar Ferreiro Vázquez. 

O convenio establece que poderán acollerse ao programa tres estudantes por curso académico e por institución e, de cara a facilitar a mobilidade do estudantado a Palermo, ofreceranse bolsas que axudarán a sufragar os gastos asociados. Estas bolsas terán como obxectivo promover a participación dos estudantes e garantir que poidan aproveitar ao máximo esta valiosa oportunidade académica. 

Un novo fito para un mestrado con selo de excelencia

Este novo fito súmanse aos alcanzados polo MTCI coa excelencia outorgada pola Xunta de Galicia no ano 2021 e a recente incorporación na rede dos Másteres Europeos en Tradución –European Master´s In Translation (EMT).  O profesor Ferreiro destaca neste senso que “con este convenio, o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional reafirma o seu compromiso coa internacionalización e a formación de profesionais altamente cualificados no eido da tradución e a comunicación internacional». 

40% de desconto no título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo

O máster ofrece tamén a posibilidade de cursalo de xeito simultáneo co título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, que o vindeiro curso acadará xa a súa setima edición, ofrecéndolle ás alumnas e alumnos do MTCM un desconto do 40% na matrícula do título propio. As persoas interesadas poden preinscribirse neste curso propio da UVigo ata o vindeiro 6 de setembro.