DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A piques de comezar unha nova edición

O Máster en Xestión e Dirección Financeira de Empresas cubre un baleiro no sector empresarial galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/02/2008
Ata non hai moitos anos a actividade financeira en Galicia identificábase co traballo nunha sucursal bancaria, sen embargo, isto non ten nada que ver coa realidade actual. Co obxectivo de formar novos profesionais capacitados para introducirse nun mundo cada vez máis complexo a Universidade puxo en marcha o Máster en Xestión e Dirección Financeira de Empresas que esta primavera chega á súa cuarta edición.
Dirixido polo catedrática Pilar Cibrán, o máster enche un baleiro no sector empresarial galego e, máis concretamente, na comarca viguesa. Segundo os organizadores, nesta cidade hai unha falta importante de formación e de coñecemento en materia financeira nas pequenas e medianas empresas. “ Levan a cabo o traballo administrativo e contable pero, unha vez feito isto, non acostuman a realizar un labor de categoría media-alta en materia financeira, é dicir, é difícil que unha peme faga un plan financeiro ou un plan de viabilidade e, xa non imos a falar de temas como cobertura de derivados, futuros, opcións... Aquí hai moi pouca xente que manexe este tipo de datos”, comentaba Cibrán.
“O noso obxectivo é que a empresa galega e, en especial, a empresa do ámbito de Vigo ten que irse incorporando ao ámbito financeiro global e, se non o fai, isto vaille restar competitividade pola falta de xestión”, continuou.

Importante presenza de profesionais que buscan reciclarse

Fundamentalmente o máster vai dirixido a todos os licenciados en Administración e Dirección de Empresas e diplomados en empresariais, pois para eles constitúe un bo complemento á súa formación, que permitirá un maior grado de posibilidades no mercado laboral. Se ben os licenciados en Dereito Económico, Economía e enxeñeiros superiores, tamén poden acceder mediante un curso de adaptación, que se inclúe no propio máster.
“Ademais, nesta edición o que notamos é que se incrementou bastante a presenza de profesionais do mundo da empresa e ex-alumnos que xa están traballando pero que, dalgunha maneira, interésalles reciclarse”, comentaba Cibrán.
Para facilitarlle a asistencia ás persoas que xa están inmersas no mercado laboral o máster impártese en horario de venres tarde e sábado polas mañá. Cunha media de 25 alumnos por curso, está impartido por un equipo de profesionais procedentes, na súa meirande parte, da empresa. “A sección de internacional e mercados impártena relatores de Caixanova; riscos e derivados, membros de MEFF Madrid, e tamén participa xente de Deloitte e Garrigues”.
O prezo do curso completo é de 4040 euros, caso de que o alumno teña que realizar o módulo de adaptación, ou 3.450 se accede directamente.

Dá acceso á licenza para poder actuar no Mercado Español de Futuros Financeiros

O seguimento do máster permite acceder ao exame para a obtención da licenza de Operador e Clearing no mercado de opcións e futuros, unha licenza para poder actuar no Mercado Español de Futuros Financeiros, onde se negocian os contratos de futuros e opcións sobre activos de renda fixa e variable.
“Isto permite ao alumno realizar aquí o exame, sen ter que desprazarse a Madrid, evitando incomodidades e gastos. En concreto, anotáronse ao exame dezasete persoas e todos conseguiron a licenza”, explica Cibrán.

Web do Máster en Xestión e Dirección Financeira de Empresas