DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O volume, “un canto de amor á vida”, está composto por 44 poemas

Matemático e poeta, Alberto Martín Méndez presenta na EET ‘El arco iris de más de ocho colores’

Acompañárono na presentación a vicerreitora de Extensión Universitaria e a directora da escola

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 27/06/2024

Profesor do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo, Alberto Martín Méndez combina na súa vida o amor polos números, eixe da súa carreira profesional, coa paixón polas letras, o que o levou a escribir poesía dende ben novo. En 1988 obtivo un accésit do premio Adonais de poesía, o máis importante deste país para autores noveis, co libro Biografía de un traficante de no sé, publicado por Ediciones Rialp, e agora volve ao mundo literario con  El arco iris de más de ocho colores, un volume de 44 poemas ao que se refire como “un canto de amor á vida”.

A presentación da obra tivo lugar este mediodía nun acto informal celebrado na cafetaría da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde exerce como docente, e nela estivo acompañado pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda; a directora da escola, Rebeca Díaz, e un destacado número de membros da comunidade universitaria. 

“Cando me chegou a referencia de que alguén de Enxeñaría de Telecomunicación escribía poesía, por suposto encantoume”, subliñou a vicerreitora, fortalecendo a idea da importancia de “facer cultura, veña de onde veña”. Na mesma liña, pronunciouse tamén a directora da escola, quen tamén salientou que “sempre é un pracer ver como hai xente dedicada á tecnoloxía que ten tamén vena artística e que, ademais, o fai tan ben como Alberto”.

Unha obra con "intenso lirismo"

Tal e como explicou o propio autor, o libro, editado por Rilke, comezou a forxarse  no 2022 e o proceso de escritura prolongouse ata abril de 2023, un tempo no que escribiu máis de un cento de poemas dos que, finalmente, se seleccionaron 44, divididos en tres seccións principais: infancia, compañeira e despedida, cun primeiro poema a modo de preludio. “A través dun lirismo intenso, en ocasións duro ou visceral, sen letras maiúsculas e con escasos signos de puntuación, os poemas compoñen unha honesta declaración de apego á vida”.

Fiel ás súas experiencias e á súa propia existencia, Martín Méndez reflexiona neste volume sobre a propia condición humana, “coas súas felicidades e infelicidades, os seus sons e os seus silencios, coas súas loitas pero tamén cos seus abandonos”. Trátase, ao seu modo de ver, dunha auténtica celebración da vida, incluíndo os medos que provoca o inevitable paso do tempo, coas súas perdas e adeuses, pero tamén un exercicio de nostalxia no que loce o recordo dunha época “inmaculada e virxe”.