DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrevista ao profesor de Programación de Videoxogos, David Ramos:

"É unha materia que resulta atractiva, sobre todo, a moitos Erasmus"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
María Boullosa DUVI 11/10/2007

Aproxímase a época do Nadal, e con ela a pelexa das grandes empresas por acaparar a atención dos pequenos e os non tan nenos. Entre elas, toda a industria dos videoxogos e as consolas, que rifan cada ano por seren as máis atractivas. Fóra desta batalla pero moi relacionada, a Escola Superior de Enxeñería Informática está a publicitar estes días a materia de “Programación de Videoxogos”, que se imparte no primeiro cuadrimestre da man do profesor, David Ramos.

Qué finalidades definen á materia?
O obxectivo é ensinar a programar videoxogos; dende conceptos básicos como o control de colisións, manexo de personaxes e movementos de obxectos na escena; ata conceptos máis complexos de intelixencia artificial para a actuación dos personaxes inimigos.
Tamén manexamos ideas simples de trigonometría e leis físicas co obxectivo de poder complementar un videoxogo. Todo isto vese na teoría e logo aplícase nas prácticas a través da ferramenta Macromedia Flash. Empezamos con xogos sinxelos como o ping-pong, ou o comecocos, para logo pasar a xogos máis difíciles como unha carreira de coches ou xogos deportivos.

Como a reciben os seus alumnos?
É unha materia que resulta atractiva, sobre todo, a moitos dos Erasmus. Este ano teño cinco mozos turcos, un alemán e dous polacos. Xente que acude moi interesada, sobre todo, en ver como se programan videoxogos e como se aplica a intelixencia artificial.

Que novidades presenta para este curso?
Basicamente son as que vai impoñendo o mercado. Por exemplo, voulles comentando os avances nas consolas que van saíndo, os novos modelos de mandos.... O certo é que estamos en moi boa época para impartir a materia porque xusto agora, antes do Nadal, comezan a saír novidades en canto ao consolas e videoxogos, que imos comentando.

Que consola é a máis forte nestes momentos?
A máis potente é, sen dúbida, a PLayStation 3. O problema é que non están alcanzando as ventas que prevían, e a Nintendo Wii estalle gañando mercado, sobre todo, polo novo modelo de mando ergonómico que permite o control total se depender dos fíos.
Logo temos a XBOX que, co lanzamento do xogo HALO 3, está acadando ventas importantes.

Pero cal dá mais vantaxes ao usuario?
Levamos moitos anos coa mesmo mecánica, mellorando gráficos, capacidades, rendemento das máquinas... pero seguimos sacando o mesmo tipo de videoxogos, por iso gústame o concepto da Wii, a posibilidade de xogar dunha maneira máis libre con calquera videoxogo.
Xa non é preciso un xogo tan espectacular, senón que prioriza a interacción dos xogadores, e iso nótase no mercado.

Qué papel xogan os videoxogos na sociedade?
Se temos en conta a cantidade de millóns que se moven entre a industria e o consumo da xente, é un mercado amplísimo.
Con todo, hai unha parte que non me gusta moito, ese tipo de xogos extremadamente violentos que non aportan nada. Non me refiro aos de combates, senón aos que consisten en atropelar xente e demais. Pero logo están os educativos, como os tipo Brain, que me parecen moi interesantes, ou os xogos para nenos que lles permiten interactuar e interrelacionarse.

Deseñou algún xogo propio?
Sí, os profesores, J.Luís Martínez Orge, Diego Goberna e máis eu deseñamos un par deles. Un foi ideado para a Xunta de Galicia, o de “A aventura máxica de Merliño”, onde un personaxe ten que recorrer zonas galegas descubrindo lendas e resolvendo problemas que vai causando un demo. E tamén o de “Preguntoiro”, unha especie de trivial para a Dirección xeral de Política Lingüística co obxectivo de fomentar o uso do galego.

Por último, que lle diría a un alumno para animalo a asistir á súa materia?
Que vexa como é posible desenvolver moitos dos xogos dispoñibles do mercado dunha maneira moi sinxela. Con moi pouco pasos somos capaces de mellorar moitas versións. En definitiva, que veñan a aprender un concepto diferente de programación e, sobre todo, divertíndose.