Trátase do mestre Fu Qing Quan
A máxima autoridade de Yang Taichi impartirá no campus un curso internacional
Será do 1 ao 4 de maio cun centenar de participantes de nove países
Do 1 ao 4 de maio, o pavillón de deportes do campus de Ourense acolle un curso internacional de Taichi, concretamente de Yang Taichi, o estilo máis popular e practicado no mundo. Será impartido polo mestre Fu Qing Quan, máxima autoridade nel, e contará coa participación dun centenar de persoas de nove países.
A actividade foi presentada este mércores por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus; Ana Fernández, concelleira de Transporte Público e Mobilidade; Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, e José Gago, de Escuela Dinamic, promotor e organizador do evento. Nas súas intervencións destacaron a colaboración entre entidades que conflúe nesta actividade e o orgullo que supón acoller un evento internacional desta calidade. “Teremos un curso do máis alto nivel mundial. O mestre que nos visita é a máxima autoridade en representación deste deporte en China”, sinalou José Gago.
Espada e Tui Shou
O seminario de Yang Taichi (espada e Tui Shou) será impartido polo mestre Fu Qing Quan, oitavo Dan e sexta xeración da familia Yang que, sinalan desde a organización do evento, “foi educado desde neno para ser o máximo representante mundial do Yang Taichi polo seu avó, o gran mestre Fu Zhong Wuen, e polo seu pai, o gran mestre Fu Sheng Yuan". Divulgador deste estilo no mundo, este mestre e o seu pai levan impartindo cursos en Galicia e Ourense desde o ano 2000. A edición deste ano, apuntan, “será un grande acontecemento deportivo, pero tamén de promoción internacional de Ourense”.
O mestre Fu Qing Quan estará acompañado de 13 profesores e alumnos de China e Xapón, que estarán no seminario para logo facer un percorrido por Ourense, Galicia e España. Tamén haberá representacións de Chile, Arxentina, Canadá, Francia, Portugal, Malta e España, participando en total arredor dun centenar de persoas, maioritariamente profesores do citado estilo.
“O nivel dos nosos profesores e atletas en Taichi é o máis alto en España e Europa, como veñen de demostrar, unha vez máis, Agar Gago e Ezequiel, no Campionato Internacional de Ámsterdam, a pasada fin de semana, onde conseguiron dúas medallas de prata e unha de bronce cada un. Este nivel débese principalmente ás ensinanzas dos mestres Fu”, comentan por último desde a organización do seminario.