DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marta Martínez Queimadelos repasou a súa traxectoria en CC Económicas e Empresariais

A máxima responsable de T-Solar anima ás universitarias a desenvolverse profesionalmente no sector enerxético

Debuxa un panorama cheo de oportunidades de emprego, máis aló do alumnado do ámbito tecnolóxico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/03/2021

En plena semana de celebración do Día Internacional da Muller, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Fundación Mentor retomaron este mércores o ciclo Diálogos en tempos de pandemia coa intervención de Marta Martínez Queimadelos, conselleira delegada do grupo T-Solar, compañía que desde a súa fundación, no ano 2007, investiu máis de 1.900 millóns de euros en centrais de xeración de enerxía solar e que opera actualmente en 51 centrais de España, Italia, Perú ou India. O obxectivo: visibilizar entre as universitarias a mulleres de éxito en carreiras profesionais a miúdo ligadas ao sector masculino, o que lles fai máis reais as súas posibilidades de éxito. 

A intervención de Martínez Queimadelos non deixou indiferente a ninguén, sobre todo ás alumnas, ás que lle debuxou un futuro cheo de posibilidades profesionais no sector enerxético. “Anímovos a ver o sector enerxético como unha posibilidade de emprego moi potente”, recalcoulles nunha charla que, debido ás actuais circunstancias sanitarias, levouse a cabo de xeito semi-presencial, con apenas uns poucos asistentes no salón de actos da facultade, e que se seguiu maioritariamente en directo a través de UVigoTv. “Hoxe por hoxe España ten unha industria renovable que é referente en todo o mundo”, salientou a directiva, quen quixo facer especial fincapé en que o sector enerxético non só ofrece múltiples posibilidades laborais para as alumnas con coñecementos tecnolóxicos, senón tamén para as do ámbito xurídico-empresarial. 

Encargáronse de presentala o decano da facultade, Jorge Falagán, e Pablo Álvarez, director da Fundación Mentor e director xeral adxunto da empresa farmacéutica Zendal. “A elección de Marta para impartir a charla esta semana non foi nin moito menos casual”, explicou o decano, recalcando así a importancia de contar coa testemuña “dunha persoa que demostrou como unha muller pode triunfar profesionalmente en sectores económicos tradicionalmente masculinos como son o sector da automoción ou da enerxía”, explicou o representante da Fundación Mentor. 

Directiva de éxito en sectores moi masculinizados: da automoción á enerxía, pasando polas TICs

Martínez Queimadelos rematou os seus estudos de Xestión e Administración de Empresas na Universidade de Vigo en 1991 e ese mesmo ano comezou a súa carreira na división de auditoría de PwC, na que estivo tres anos e, posteriormente, traballou durante catro anos na división de Xestión de Custes do Grupo PSA. Foi tamén cofundadora de Comunitel Global, empresa de telecomunicacións enfocada en servizos a medianas e pequenas empresas e, posteriormente, do grupo T-Solar, ocupando primeiro o cargo de directora financeira para converterse, despois, na CEO do grupo, cargo que compatibiliza co de Ceo de Cube Renewable Iberia e que, previamente, compatibilizou co de responsable de Isolux Concesiones. “Ademais foi tamén membro de Women CEO, asociación sen fins de lucro para promover a mulleres en postos directivos, e de Aemener, a Asociación Española de Mujeres de la Energía”, engadiu na súa presentación o directivo de Zendal, quen admitiu sentir “unha enorme admiración por unha persoas con quen coincidín profesionalmente en numerosas ocasións”.

Novos proxectos tras a venta de T-Solar por 1500 millóns de euros

Baixo o título Experiencias en primeira persoa Martínez Queimadelos fixo un relato moi pegado á realidade da súa propia experiencia vital, desde que era cativa e soñaba con ser misioneira, ata as diferentes etapas como directiva de éxito que suma xa 30 anos de experiencia profesional. En todo este camiño “unha mestura de entrega, traballo e sorte, que te coloca no lugar axeitado no momento xusto” levárona e emprender proxectos profesionais moi diversos. Recordou os seus anos de estudante na facultade, onde coincidiu, entre outros, co falecido empresario vigués Pablo Riera, para quen tivo palabras de lembranza e agarimo. Os seus inicios como auditora; o cambio a PSA cando, con apenas 26 anos pasou a dirixir un equipo de enxeñeiros, maioritariamente homes, e viviu por primeira vez esa sensación de estar “rodeada de masculinade”; o reto de emprender un proxecto desde cero con Comunitel e cambialo logo por un sector, o da enerxía solar fotovoltaica polo que, en 2006, apenas ninguén apostaba. Agora, 15 anos despois, o grupo T-Solar foi vendido a un fondo canadiense por 1500 millóns de euros e, con esta operación Martínez Queimadelos, pecha a súa etapa nesta compañía. 

Pensando xa en emprender novos proxectos, “aínda me queda moita guerra por dar”, a directiva rematou a súa charla cun apuntamento moi persoal, pondo en valor o seu papel como muller, “cunha parella que foi sempre o meu principal punto de apoio, con familia, con amigos, que fai deporte...” e como nai que apostou por adoptar tres nenos con 9, 7 e 3 anos xusto cando “a túa compañía está en pleno proceso de saír a bolsa e ti es a directora financeira. Aos 15 días estaba de novo traballando e isto nunca prexudicou o meu papel como nai”.