DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun orzamento de 257 millóns de euros

O MEC convoca axudas para a formación e incorporación de investigadores

Concederanse máis de 3000 bolsas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 03/03/2008

A novidade dos programas nacionais de Formación de Recursos Humanos e de Contratación e Incorporación de Recursos Humanos do Plan Nacional de I+D+I 2008-2011, que acaban de ser presentados polo Ministerio de Educación e Ciencia e nos que se investirán 257 millóns de euros, reside na convocatoria de todos os proxectos de formación e contratación de maneira unificada, permitindo aos investigadores a planificación das súas actividades.
A dotación económica prevista para a contratación de recursos humanos ascende aos 159 millóns de euros e os subprogramas incluídos son Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, Torres Quevedo e os de Formación do Persoal Investigador e Persoal Técnico de Apoio.
As solicitudes para optar a unha das 245 axudas previstas para o 2008 dentro do plan Ramón y Cajal deberán ser presentadas antes do 25 de marzo. Co obxectivo de incentivar a contratación laboral de doutores en centros de I+D, a duración destas bolsas é de cinco anos.
Por outra banda, ata o 18 de marzo está aberto o prazo de inscrición no subprograma Juan de la Cierva, que prevé a concesión de 345 axudas para a incorporación dos profesionais en equipos de investigación.
O subprograma Torres de Quevedo, destinado a facilitar a entrada de doutores e tecnólogos en empresas, parques científicos e e asociacións empresarias, oferta mil axudas durante un período de tres anos para desenvolver proxectos de investigación industrial e estudos de viabilidade técnica. O prazo para a presentación das instancias está aberto ata o 30 de setembro, con prazos de peche intermedios o 31 de marzo e o 14 de maio deste ano.
Por último, dentro do Programa de Contratación e Incorporación de Recursos Humanos, o MEC oferta, ata o 7 de abril, 300 axudas a centros de I+D para a contratación de Persoal Técnico de Apoio nas súas distintas modalidades.
Pola súa banda, o Programa Nacional de Formación de Recursos Humanos, cun orzamento de 97,5 millóns de euros, ten o obxectivo de garantir o incremento da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación. Para isto concederá axudas aos titulados que desexen realizar unha tese doutoral asociada a proxectos de I+D financiados polo Plan Nacional de I+D+I.