DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Almudena Pérez analiza a pervivencia deste mito en revisións literarias contemporáneas

A Medea de Eurípides, a revolta do “outro” que cuestiona o sentido tradicional da identidade helena

Muller e estranxeira, cuestiona o modelo anterior no que o home grego representaba o civilizado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/05/2021

Como muller, como estranxeira e como sabia, a Medea que presenta Eurípides na súa obra representa unha tripla oposición á identidade clásica da civilización grega, contraria ao prototipo ideal da época helena definido polo home, grego e tradicional. Medea é o “outro”, a contraposición ás normas sociais da época, unha protagonista pouco común na literatura clásica que antepón a condición de muller á de nai; que mata os seus fillos ao ser abandonada polo seu esposo, Jasón; que finalmente, en lugar de ser castigada é salvada polos deuses. “Na cultura occidental é o paradigma da muller malvada e salvaxe, a terrible muller que asasina os seus fillos para vingarse do seu marido”, explica a investigadora Almudena Pérez de Oliveira, que recoñece que non é habitual atopar no mundo clásico un personaxe feminino tan complexo e cheo de ambigüidades como o da heroína creada por Eurípides”. Foi precisamente esta fascinación e a demonización desta figura o que a levou a centrar a súa tese de doutoramento nas claves históricas e sociais para unha relectura da Medea de Eurípides.

Dirixida polos profesores Carmen Becerra e Fernando Romo, o obxectivo principal da súa investigación “é examinar a persistencia do mito de Medea en revisións contemporáneas”, explica, polo que apostou pola literatura comparada para abordar esta tarefa. Como punto de partida, Pérez de Oliveira quixo tamén coñecer o contexto social e cultural do autor, cando se comezou a demonizar a figura de Medea e descubrir que importancia tiña que a protagonista recibise a axuda dos deuses para abandonar Corinto tras asasinar á familia real desta polis e aos seus propios fillos. 

Almudena Pérez, profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, lembra que a figura de Medea xa existía antes de Eurípides, pero “é o poeta de Salamina quen crea a este personaxe tal e como o coñecemos na actualidade” baseándose por unha parte na súa alteridade e, por outra, na introdución do tema do filicidio. 

A construción dun mito a través da contraposición

O capítulo inicial da tese céntrase en analizar o contexto social da obra, unha sociedade grega baseada no concepto de cidadanía que se constrúe como contraposición ao outro. Segundo a investigadora, a civilización helena constitúe o primeiro modelo “baseado nas diferencias de xénero, no que as mulleres eran identificadas co mundo irracional anterior á orde da polis”. Ademais, a identidade grega tamén se contrapón ao bárbaro, que se asocia coa maxia, unha práctica que ameaza ás crenzas gregas.

Nese contexto, Eurípides “constrúe a figura dramática de Medea en contraposición ao resto de personaxes da obra” e ofrece un discurso sobre os distintos tipos de diferenzas opostas á identidade helena. Como explica a investigadora “a alteridade de Medea confórmase por tres oposicións fundamentais (home/muller; grego/bárbaro e tradicional/sabio) e posúe trazos de cada unha das polaridades que a constitúen”. Sostén que Medea é racional e salvaxe; de ascendencia divina pero profundamente humana; unha nai desgarrada pero capaz de levar a cabo o asasinato dos seus fillos para castigar aos seus inimigos. “Pero, por riba de todo, Medea é sabia”, o que a converte “unha ameaza para aqueles que se enfrontan a ela”. 

Así, a medida que avanza a obra, a Medea vulnerable convértese nunha “heroína transformada no verdugo dos homes que deberían tela protexido e que a traizoaron, facendo emerxer a “natureza bárbara da protagonista”. Ademais, esa muller bárbara en lugar de ser castigada, recibe un carro enviado por Helios, o seu avó, un dios primitivo, para fuxir a Atenas. “Con esta imaxe Eurípides parece estar representando de maneira visual o caos moral derivado da desintegración dos tradicionais valores gregos”, remarca a investigadora, que engade que este desenlace da obra tamén “marca unha importante diferenza respecto de outras traxedias gregas”, nas que o final que agarda ás mulleres que transgreden o papel pasivo é a norte.  

Medea nas obras de Elena Soriano e Christa Wolf

Outra parte destacada da tese céntrase na análise comparativa da obra de Eurípides con reescrituras posteriores, para o que a investigadora escolleu os textos Medea, da madrileña Elena Soriano e Medea. Stimmen, da escritora alemá Christa Wolf. A través do personaxe mitolóxico, ambas “abordan distintos temas presentes na obra de Eurípides co obxectivo de dignificar a figura feminina”, unha ambientada na posguerra española e a outra na reunificación alemá, “dúas sociedades moi distintas, pero similares na alienación do ‘Outro’”.

Soriano aposta por “transpoñer os personaxes, o espazo e o tempo do mito” e desenvolve a problemática relación entre home e muller nunha “época represiva para a liberdade  feminina” como a posguerra española. Ademais, introduce a historia de Daniela Valle, unha muller “desesperada ante o abandono do seu marido por outra, para tratar temas como a sexualidade, a traizón ou o aborto, considerados tabús” nese contexto social. Outro tema central na Medea de Soriano é descendencia. Igual que ocorría na traxedia de Eurípides, “os fillos supoñen para o home a continuidade da súa estirpe”, mentres que para a muller “introducen unha loita entre dous papeis excluíntes: o de amante e o de nai”.

No caso da obra de Christa Wolf, esta “conserva os elementos orixinais do mito, mantendo a dobre alteridade como muller e como estranxeira”. Parte das versións pre-euripídeas nas que Medea non asasina aos seus fillos e opta por presentala como unha muller sabia con facultades ‘sanadoras’. Así, explica a investigadora, “Wolf retoma a controvertida figura de Medea coa intención de inverter o proceso de estigmatización dun personaxe coñecido na cultura occidental como o paradigma da muller malvada e salvaxe”. Desenvolve o rexeitamento dunha comunidade a todo aquel “que se mostra como diferente, a discriminación dese ‘outro’ ao que realmente se descoñece, mediante o enfrontamento de dúas sociedades opostas para reflexionar sobre a particular realidade histórica da Alemaña de súa época. 

Con todo, ambas obras teñen un nexo común, como resume a investigadora, xa que tanto a Medea de Soriano como a de Wolf “personifican a alteridade das sociedades nas que se insiren, nas que a estigmatización do diferente, do ‘outro’ é un problema que continúa manifestándose no interior dos grupos sociais cuxa causa primeira se concentra na loita polo poder”. 

Recreada en centos de versións dende a pintura ao cine, conclúe a investigadora, “ningún outro autor foi quen de artellar nesta heroína a variedade de facetas coas que o poeta heleno soubo conformar a súa alteridade”. Por este motivo, “máis de dous milenios despois da súa creación, Medea continúa sendo a ‘outra’, a transgresora por excelencia”.