DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Ángela Coello publica unha monografía centrada neste tema

A mediación, vista desde a perspectiva da teoría de xogos

O estudo analiza a toma de decisións por parte dos suxeitos implicados nunha negociación asistida

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 13/01/2017

“Como podo conseguir o que quero negociando? Debo desvelar os meus intereses ou debo escondelos? Coopero ou compito?”. Estas e outras preguntas asaltan a calquera persoa implicada nun proceso de negociación á hora de tomar decisións. Conseguir un acordo de consenso e satisfactorio non sempre é fácil e, por este motivo, en ocasiones, recórrese á negociación asistida, é dicir, á mediación. Tendo en conta este contexto, no seu novo libro El juego de la mediación. El espacio cooperativo en la negociación asistida civil y mercantil, a profesora da Universidade de Vigo Ángela Coello afonda no escenario da mediación desde a perspectiva da teoría de xogos, que estuda a toma de decisións por parte dos suxeitos implicados.

As estratexias de cada parte

Segundo explica a investigadora, a publicación, editada por JM Bosch Editor, parte do entendemento da mediación como unha negociación asistida por un profesional que axuda ás partes no seu proceso de toma de decisións. Deste xeito, sinala Coello Pulido, analízase “a mediación desde a perspectiva da teoría da negociación pura e dura, centrando o estudo na creación e no mantemento do que se ten denominado como espazo cooperativo e que constitúe a contorna idónea para a xeración de acordos integradores, isto é, acordos beneficiosos para todas as partes implicadas”.

Posto que o acordo final dunha negociación depende das decisións unilaterais de cada parte, a profesora da Facultade de Dereito do campus de Ourense sinala como se inclúe “como esencial elemento deste estudo a teoría de xogos como teoría da toma de decisións”. Nesta teoría, engade, os xogadores, que neste caso son as partes negociadoras na mediación, “son individuos racionais que actúan dun modo interdependente” e o acordo de mediación deriva directamente da combinación das estratexias que cada xogador (cada parte) pon en marcha na negociación asistida. “No xogo da mediación os xogadores xogan para gañar. Están ante unha constante disxuntiva entre a posta en marcha de estratexias competitivas ou cooperativas coa finalidade de obter o mellor resultado posible”, resume Ángela Coello. Neste contexto, destaca a investigadora, o mediador actúa procurando crear e manter "un espazo de cooperación que é a peza esencial para o éxito da mediación", pois axuda ás partes a alcanzar un bo acordo a partir dunha negociación integradora. “Para que un gañe, non ten que perder o outro. Todos poden gañar”, recalca a docente.

O dilema do mediado

Ao longo dos cinco capítulos que compoñen a publicación, a autora afonda nos métodos alternativos ou complementarios de solución e xestión de conflitos; nas claves para a creación e mantemento do espazo cooperativo; nos suxeitos da mediación, tanto os mediados como os mediadores, e no procedemento de mediación en asuntos civís e mercantís. Entre outras cuestións, na obra Ángela Coello acuña o concepto de dilema do mediado, “que pretende describir o panorama existen nas mediacións entre dúas partes ao mesmo tempo que se presenta como unha ferramenta útil para a praxis do mediador”. O dilema do mediado, explica a autora, recolle o paradoxo que teñen que afrontar os implicados nunha negociación, que teñen que optar entre dúas opcións durante o proceso: crear valor ou reclamar valor. “A creación de valor implica unha actitude cooperativa que levará á obtención dun resultado satisfactorio para ambas partes se os dous crean valor. A reclamación de valor conleva unha actitude competitiva que se traducirá nun resultado malo se ambos elixen esta opción. Se un crea valor (coopera) e outro o reclama (compite), o que crea obterá un resultado pésimo e o que o reclama un resultado óptimo”, destaca a investigadora no seu libro. A este escenario de posibilidades, apunta a autora, engádese o feito de que “ambos mediados sentirán un forte impulso cara a elección dun movemento non cooperativo posto que se o outro opta pola cooperación, obterán un resultado óptimo”.

Para todos os públicos

A obra, destaca a súa autora, vai dirixida “a calquera profesional que se dedique ou pretenda dedicarse á negociación ou mediación pero tamén a calquera cidadán que poida estar interesado nestes temas”. Deste xeito, engade, coa finalidade de ser unha ferramenta útil para calquera persoa que se enfronte a unha negociación, o estudo preséntase dun modo "accesible e comprensible" para todos os públicos. “Os seres humanos negociamos todos os días nas máis diversas circunstancias. Os avogados negocian, os traballadores e os empresarios negocian, os nenos que cambian cromos tamén negocian”, apunta por último Ángela Coello, doutora pola Universidade de Vigo que ten realizado o Máster Universitario en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social e que conta coa formación específica que a normativa vixente esixe para o exercicio da mediación civil e mercantil.