DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizaron as probas na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía

Medio cento de estudantes de ensino medio participan no campus na fase galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía

Participaron tamén nunha xincana xeolóxica en Monteferro, Nigrán

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI 08/02/2023

56 estudantes de 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato de oito centros da provincia de Pontevedra achegáronse este mércores á Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía para participar nas probas correspondentes á fase galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía, unha actividade educativa na que participan máis de 200 estudantes de toda Galicia e coa que se busca fomentar o interese do alumnado que en breve iniciará estudos universitarios polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra.

Procedentes do IES Ponte Caldelas; Mendiño, de Redondela; Ribeira do Louro, de Porriño; Primeiro de Marzo, de Baiona; Terra de Turonio, de Gondomar; San Paio, de Tui, e os centros vigueses de Beade e Teis, a xornada arrancou no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, onde foron recibidos pola directora, a profesora Elena Alonso quen foi a encargada de darlles a benvida. 

Xincana, proba teórica, obradoiros... 

Unha das actividades que espertou máis expectativas foi a xincana xeolóxica, proba para a que se desprazaron ata Monteferro en Nigrán, onde tiveron a oportunidade de observar de observar diferentes tipos de minerais, petroglifos, etc. De volta na escola, a primeira hora da tarde realizarase a proba teórica e, xa despois, poderán disfrutar de diferentes actividades guiadas organizadas especialmente para eles desde a EEME, tal e como lles explicou Raquel Pérez, responsable de divulgación científica da escola. Impartidos por persoal investigador, nesta ocasión organizáronse dous talleres: Paleontoloxía 3D, a cargo dos investigadores Bienvenido Díez e Iván Rodríguez, do grupo de Análise de Concas Sedimentarias; e The Wall, da man de María Araújo e Xurxo Rigueira, do Grupo de Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais.

En quenda de tarde e divididos en dous grupos,  guiados polas investigadoras Raquel Pérez e Paula Vázquez, todos os estudantes terán a oportunidade de participar en ambos obradoiros e poder facerse así unha idea da importancia da Xeoloxía para a preservación do medio natural, a xestión racional dos recursos ou a adopción de medidas ante impactos e riscos xeolóxicos.

A final nacional será o 25 de marzo en Jaen

A publicación de resultados e entrega de premios está prevista para esta mesma tarde, arredor das 17.45 horas no vestíbulo da escola. As persoas que acaden a máxima cualificación en cada sede territorial pasarán á Fase Española, convocada polo Colegio de Geólogos, a Sociedad Geológica Española e a Asociación Española para la Enseñanza de las Cienicas de la Tierra. Será o día 25 de marzo en Jaén e de aí sairá a selección que competirá na fase internacional, prevista para finais do verán. Ademais, o alumnado que curse 2º de Bacharelato poderá optar tamén ás bolsas que as universidades galegas conceden para as persoas premiadas nas diferentes olimpíadas científicas.