DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 4 e o 8 de maio desenvolverase nos tres campus coa inclusión como tema central

Medio cento de representantes de universidades de 20 países participarán na International Staff Week 2026

Co obxectivo de fortalecer as relacións internacionais e compartir boas prácticas de mobilidade 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • ATHENA
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/04/2026

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional. “A inclusión parécenos un tema importantísimo dentro da educación superior e como dentro de ATHENA somos líderes do paquete de traballo relacionado coa calidade de vida, aproveitamos que temos socios de países que non son europeos para difundir tamén os valores europeos de inclusión, diversidade, igualdade, etc.”, explica Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización da UVigo en relación coa temática central elixida para este ano. 

Durante os cinco días que dura a International Staff Week 2026, medio cento de representantes de universidades de Europa, Asia, África e América participarán en sesións de traballo, reunións bilaterais e actividades de carácter institucional e cultural nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. “En Pontevedra falarase de idadismo; en Ourense terán unha conferencia de Elena de Prada sobre a multiculturalidade e a inclusión, que tamén será o tema central dunha mesa redonda o xoves. Tamén se presentará un informe que fixemos en Athena relacionado coa inclusión das universidades da alianza”, detalla Maribel del Pozo, en relación coas temáticas que se abordarán e entre as que tamén figura a mobilidade e como facela máis inclusiva.

O carácter global do evento, que acadou récord de solicitudes

Con catro universidades representadas (Escola Superior de Negocios de Dąbrowa Górnicza, Universidade Tecnolóxica de Rzeszów, Universidade de Wrocław e Universidade Maria Curie-Skłodowska de Lublin), Polonia é o país con maior presenza na semana internacional que celebrará a UVigo, seguido de Xeorxia, que despraza a representantes de tres institucións de ensino superior (Georgian American University, Universidade Estatal Ivane Javakhishvili de Tiflis e Georgian Institute of Public Affairs.

Europa tamén estará representada por universidades de Italia, Alemaña, Portugal, Romanía, República Checa e Eslovaquia; mentres que o continente asiático achegará representantes de Turquía, India, Camboxa, Taxiquistán, China e Taiwán. No caso de África, os países con presenza na semana internacional serán Mozambique e Cabo Verde, mentres que Université de Moncton de Canadá, representará o continente americano.

“Con respecto da edicións anteriores vemos como a Semana se vai consolidando e este ano tivemos moitas solicitudes, a pesar de que houbo moitos problemas de cancelacións de visados, os voos subiron os prezos… pero foi un récord en número de solicitudes. Como a Semana vai collendo fama e renome, vaise afianzando”, explica Del Pozo, que a considera unha iniciativa “estupenda para dar visibilidade á Universidade e facela un lugar ao que a xente queira vir”.