DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obxectivo das xornadas “A Carreira Investigadora ”

Mellor acceso á investigación para os licenciados de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 24/10/2007
Do 7 ao 9 de novembro a Facultade de Belas Artes acollerá as xornadas “A Carreira Investigadora en Belas Artes” co fin de darlle forma e contido á investigación no ámbito específico desta titulación. Para facilitar que os licenciados nesta disciplina poidan acceder a proxectos de investigación ou coñecer mellor os pasos para conseguilo, preténdese, nestas sesións, dar publicidade aos programas institucionais, ás dinámicas de investigación existentes e ó marco académico no que se leva acabo.
Segundo o organizador das xornadas, Martín Rodríguez Caeiro, “é necesario un debate para unir a carreira de belas artes co campo da investigación”. Neste sentido, durante as sesións de traballo, falarase sobre programas estatais, europeos, autonómicos, modelos curriculares de carácter privado ou público, estruturas ideolóxicas, … cos que poder consensuar un marco que consolide novas liñas de investigación neste ámbito de coñecemento, así como favorecer un mellor acceso ós contratos e ós proxectos de investigación en Belas Artes. Entre os temas que se abarcarán destacan “As políticas de arte no seno da Unión Europea”, “A investigación en belas artes no marco da ciencia e a tecnoloxía” e “Problemas e contidos da investigación artística”.

Obxectivos e destinatarios

Os obxectivos das xornadas son a elaboración dun Libro Branco, e unha Guía Práctica (A Carreira Investigadora en Belas Artes) que será a ferramenta necesaria para que os licenciados coñezan os pasos a seguir para dedicarse á investigación. Esta iniciativa está dirixida a grupos de investigación, directores, doutores, investigadores en formación, alumnos universitarios e organismos relacionados coa investigación ou co ámbito das belas artes.
O acto de apertura das xornadas contará coa presenza do decano da facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, destacando tamén a participación do director xeral de I+D+I da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato.