DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A psicanalista bilbaína Sagrario García Marroquín:

“O mellor modo de traballo é o que sae do máis propio e singular de cada un, con moi pouca atención aos modos de facer alleos”

A estudosa da disciplina "Art Brut" impartirá unha conferencia na Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 22/05/2008

A psicanalista bilbaína Sagrario García Marroquín leva máis de trinta anos dedicada ao estudo de Jacques-Marie Ëmile Lacan e desde fai pouco máis de un ano centra os seus estudos na artista surrealista Unica Zürn que, ata a súa morte en 1970, empregou a arte como ferramenta de autocuración para as súas continuas crises de esquizofrenia. Esta disciplina artística coñécese como Art Brut, unha técnica na que Sagrario García afondará nunha conferencia na Facultade de Belas Artes do campus Pontevedrés. Baixo o título Unica Zürn, do surrealismo á Art Brut, a convidada compartirá cos asistentes a súa experiencia profesional no eido clínico e sobre todo como membro da asociación Creaturas, un grupo teórico práctico que traballa con este método desde o psicanálise.

En que consiste exactamente a Art Brut?
A Art Brut é unha modalidade de arte que non está incluída nos circuítos comerciais e que ten un modo de creación un pouco distinto, xa que parte de premisas diferentes. É herdeira da arte psicopatolóxica, a dos tolos do século XIX, que máis adiante a partir de 1945 recreouse de novo a partir dunha arte acultural. A súa fonte en principio son os enfermos de psicose aínda que existe outro campo de actuación moito máis amplo que ven da arte marxinal ou de creadores illados que non atoparon o seu oco e que non recibiron ningunha formación artística.

Cales son os beneficios que aporta a arte utilizada como terapia?
Nós temos un punto de vista un pouco distinto do que é a arte-terapia, que intenta que os pacientes se curen a partir dunha ensinanza da arte máis estandarizada. O noso é máis ben ao revés, recollemos aquelas producións que xorden sen previo aviso, a continuación dámoslle un valor, as estudamos e as promocionamos, animando a que poidan continuar. Deste xeito sería un modo de autocuración que os creadores atopan espontaneamente, sen unha preparación previa.

Sobre que tipo de pacientes se pode aplicar esta técnica?
En xeral podemos dicir que son persoas que non se integran no circuíto convencional, poden estar diagnosticados ou non, pode ser desde un libertario a un enfermo mental, pero non se debe reducir soamente a xente con problemas psíquicos, xa que o mesmo concepto de enfermidade neste campo non está moi claro.

Cales foron as aportacións da artista Unica Zürn á Art Brut?
É unha muller que durante a súa vida estivo integrada no movemento surrealista e a partir da súa morte, en 1970, é cando a redescobren, en primeiro lugar as autoridades xermanas e logo os coleccionistas da Art Brut. Esta artista conta por unha parte cunha serie de obras gráficas e, por outra banda, con escritos fundamentalmente autobiográficos nos que describe moi ben e con moita firmeza o proceso creativo e espontáneo que ela empregaba como autocuración.

Podería contarnos algún exemplo da súa propia experiencia profesional empregando esta terapia?
Teño moitos exemplos que amosan os beneficios que a arte como terapia proporciona a persoas de todo tipo, pero é un pouco complicado explicalos sen quebrantar o segredo profesional dos meus pacientes. De tódolos xeitos, en liñas xerais podo contar que moita xente, por medio de este saber facer, consegue facerse un lugar no mundo.

En que situación se atopa actualmente esta disciplina a nivel profesional?
Existe toda unha rede internacional arredor da Art Brut, especialmente por Europa, onde hai gran cantidade de centros especializados nesta disciplina. A nivel profesional trátase dunha rede paralela ao mundo artístico convencional que conta con institucións moi variadas que van desde obradoiros, onde se realizan as obras, ata galerías ou museos. En Europa teñen 20 ou 30 anos de existencia, aínda que en España non existe ningunha institución que se dedique a isto.

Entón, considera que é necesario darlle un pulo a este tipo de iniciativas no noso país?
Si, esa é a pretensión que temos desde Creaturas, animar esta actividade, que se coñeza e crear unha institución sólida que sirva para dar a coñecer as creacións deste tipo de arte. Creaturas é unha asociación mixta formada por un lado por xente coma min, que saímos do sector clínico e, por outra banda, os artistas. Aprendemos moito uns dos outros, os clínicos perdemos os prexuízos que temos e os creadores ven modos de facer distintos.

Que consellos lle daría aos alumnos de Belas Artes que están a piques de rematar os seus estudos?
Non sei se me atrevería, sinxelamente podería dicir que a ensinanza que eu saco da miña experiencia profesional cos artistas é que o mellor modo de traballo é o que sae do máis propio e singular de cada un, con moi pouca atención aos modos de facer alleos. Considero que isto é o que crea unha orixinalidade que serviría para todos.