DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proxección enmárcase en “A Intercultural”

As mellores curtas do audiovisual galego proxéctanse este mércores

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 01/04/2008
A Intercultural volve coa primeira dunha serie de sesións dobres de curtametraxes nas que, ao longo dos meses de abril e maio, proxectarase no campus o mellor do audiovisual galego. Nesta ocasión a cita será o mércores 2 de abril ás 18.00 horas na aula multiusos do Edificio de Ferro e ás 21.00 horas na Biblioteca Central. Esta segunda sesión contará coa presenza de Fernando Cortizo, director de Leo, un dos traballos proxectados.O resto dos filmes serán Carne de canón, Rosa dos ventos, Cartoons e O gaiteiro toca, no primeiro pase, e Suso, O talento do señor Carrack, 1936. Ribadeo e Premio, no segundo.

“Leo”, de Fernando Cortizo

O filme realizado en plastilina animada, Leo, forma parte da serie de misterio de 13 episodios titulada Sombras na noite de Artefacto Produccións. Neste primeiro capítulo cónstase a historia de Víctor, un ventrílocuo no ocaso da súa carreira, obsesionado co fracaso, o esquecemento e o seu boneco. Orientada cara un público adulto, os seus dereitos de emisión foron adquiridos pola TVG, TV3 e Canal Sur.
Para a súa realización, os actores Carlos Blanco e Ernesto Chao interpretaron o guión coma se de teatro se tratara para que Fernando Cortizo, o seu director, fora copiando en plastilina, imaxe a imaxe, aos personaxes e imitando os seus xestos. Leo está ambientada na cidade de Lugo e incluso no Gran Teatro, derruído hai uns anos e que o director reconstruíu para a curta.