DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comisión do CSD visitou o campus vigués

Membros do Consello Superior de Deportes recoñecen o traballo da candidatura de Vigo para a Universiada 2013

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, acompañou aos membros da comisión

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/02/2008
Dúas horas prolongouse a visita ao campus vigués dos membros do Consello Superior de Deportes que avalía as candidaturas españolas para acoller a Universiada 2013. Os membros da comisión coñeceron sobre o terreo algunhas das instalacións, en especial as deportivas, coas que conta o campus vigués, así como os datos fundamentais da institución académica que se sinte, segundo afirmou o reitor, Alberto Gago “moi ilusionada ante a o posibilidade de que Vigo sexa a candidata elixida”.
A designación producirase o 11 de marzo e previamente os membros da comisión avaliadora elaborarán un informe que recollerá as impresións da súa estancia en Vigo onde, como afirmou Juan Manuel Hueli, xefe da Área de Promoción Deportiva do CSD, “ é agradable comprobar que se está facendo o traballo para que Vigo sexa candidata”. Para Hueli,que insistiu na importancia que para o desenvolvemento da competición terán os voluntarios, “está claro que a todos nos interesa ter a mellora candidata para que a Universiada 2013 se celebre en España”.

Coñecendo o campus

Trala recepción da comisión no despacho do reitor, a visita ao campus, na que tamén participou o tenente de alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, comezou no edificio Miralles cunha exposición por parte de Alberto Gago dos principais datos da Universidade de Vigo da que destacou o seu carácter “aberto, atrevido e plural”, así como a “súa vocación internacional e o seu compromiso co desenvolvemento científico tecnolóxico”.
A visita “virtual” deu paso a real e xa sobre a pasarela que une o edificio Miralles coa Biblioteca Central, os integrantes da comisión tiveron ocasión de contemplar unha ampla panorámica do campus vigués e comprobar a evolución dalgunhas das obras que neste momento se están a desenvolver.
A plantación de varias árbores e o descubrimento dunha placa conmemorativa da visita, precederon á visita que a comisión avaliadora realizou ao Servizo de Deportes e a varias instalacións como o pavillón universitario e as pistas de atletismo.

Máis e mellores infraestruturas

Precisamente ás dotacións deportivas coas que na actualidade conta o campus vigués e a posibilidade melloralas, se Vigo acolle a Universiada 2013, referíronse, unha vez finalizada a visita, Juan Manuel Hueli, Roberto Álvarez, Santiago Domínguez e Alberto Gago.
Álvarez destacou que a vila universitaria que se construiría se Vigo é a sede da Universiada no 2013 “albergaría a 16.000 atletas, localizándose xunto ao campus, no que se levantaría un edificio complementario”. Álvarez que cualificou a vila universitaria como unha “peza de arquitectura singular”, lembrou que unha vez rematada a Universiada, sería destinada nun 50% a estudantes e no 50% restante para inquilinos novos.
Pola súa banda Alberto Gago apuntou que a celebración da Universiada permitiría abordar obras de remodelación dalgunhas infraestruturas deportivas coas que xa conta o campus, como as pistas de atletismo que poderían incrementarse ata 6 ou 8, así como a construción doutras como un novo pavillón ou unha instalación específica para intendencia, durante a celebración da Universiada.
Mentres, o tenente de alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez, referiuse ás avantaxes que Vigo ten, respecto de Murcia, para ser elixida candidata española á Universiada do 2013. Domínguez Olveira asegurou que “non serei eu quen diga que é o mellor que temos”, aínda que destacou a existencia “duns piares fundamentais como son a implicación das institucións ou a capacidade da cidade para organizar grandes eventos”. O tenente de alcalde dixo que “esperamos que o 11 de marzo a decisión sexa a mellor, que é que Vigo sexa candidata”.

A carreira cara a 2013, continúa

Trala visita da comisión do CSD a Vigo estes dous últimos días, aínda quedan outras datas marcadas en vermellono calendario da carreira cara á consecución da organización da Universiada. Antes da elección da candidata española o vindeiro 11 de marzo, o 25 de febreiro presentarase o proxecto definitivo e o 4 de marzo terá lugar a defensa de propostas en Madrid.
Unha vez coñecida a candidata española, o 15 de marzo é a data fixada para a presentación do programa na Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) en Bruselas. En maio unha comisión do FISU visitará as cidades candidatas, das que unha será elixida, o 31 de maio, para a celebración da Universiada do 2013