DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de que Eva Lantarón fose nomeada vicerreitora do campus de Pontevedra 

Mercedes Soto convértese en decana en funcións da Facultade de Fisioterapia

Co encargo de convocar eleccións nun prazo de seis meses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/06/2022

Co encargo de convocar eleccións nun prazo de seis meses, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Mercedes Soto converteuse na nova decana en funcións da Facultade de Fisioterapia, en substitución de Eva María Lantarón. O nomeamento da ata agora decana como nova vicerreitora do campus de Pontevedra obrigaba o seu relevo á fronte da dirección do centro, o que motivou o nomeamento que este xoves asinaba o reitor. Profesora contratada doutora interina da Área de Fisioterapia e investigadora do grupo FS1, Soto exercía desde 2018 como vicedecana de Fisioterapia, cargo que agora pasa a ocupar a profesora Iria da Cuña, mentres que a docente Rocío Abalo continúa á fronte da secretaría académica.

“É algo que vén dado polas circunstancias, pero o que teño claro é que vou facelo o mellor posible para que a andadura positiva da facultade continúe nese mesmo sentido”, salienta Soto do seu nomeamento para situarse á fronte dun centro ao que se incorporaba en 2005 como profesora asociada de ciencias da saúde. “Afronto esta etapa con ilusión, porque síntome arroupada por un equipo de persoas de gran valía, que temos moi claro cara onde queremos que vaia a titulación, contribuíndo á creación de profesionais cunha formación da máxima calidade”, engade a nova decana en funcións.

A implantación do novo mestrado, principal reto

Como principal reto no “futuro inmediato”, a nova decana en funcións sinala a posta en marcha do novo Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, que contará con 20 prazas e comezará a impartirse no mes de setembro. Do mesmo xeito, Soto sinala tamén que o centro atópase actualmente inmerso no proceso de acreditación do seu sistema de garantía interno de calidade, á vez que pon de relevo a necesidade de “seguir traballando” para dotar no futuro á facultade dun programa de doutoramento, así como acadar "un maior número de prazas de titulares e catedráticos”. Nese senso, Soto lembra que se trata dun “camiño longo” que irá máis aló deste mandato en funcións pero no que cómpre, sinala, “seguir completando etapas, co apoio da Reitoría”. A este respecto, Soto pon de relevo o labor realizado previamente á fronte do Decanato, polos profesores Manuel Gutiérrez e Eva Lantarón, que levaron á facultade a ocupar á presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Fisioterapia, cargo que actualmente ostenta a nova vicerreitora e que, explica a decana en funcións, seguirá mantendo por delegación ata o remate do seu actual mandato, en 2023.