DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha porcentaxe das prazas resérvanse aos fillos e fillas da comunidade universitaria

Este mércores ábrese o prazo de inscrición na Escola Infantil do campus

As solicitudes poderán presentarse ata o 12 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/03/2021

Entre este mércores 24 de marzo e o luns 12 de abril permanecerá aberto o prazo de inscrición para o curso 2021-2022 na Escola Infantil do campus pontevedrés, que contará o vindeiro ano académico con catro aulas e 58 prazas, das que unha porcentaxe se reservan aos fillos e fillas de membros da comunidade universitaria. Segundo explican desde o centro, recoméndase que as solicitudes sexan presentadas por vía telemática, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén será posible entregalas na propia escola, para o que, dada a situación sanitaria, deberá solicitarse unha cita previa no teléfono 986802070 por motivos de control de aforo. 

Segundo o calendario feito público este martes pola Xunta na resolución que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís de titularidade autonómica, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o 10 de maio publicarase a lista provisional de admitidos e excluídos. Trala apertura dun prazo de reclamacións, a listaxe definitiva farase pública o 24 de maio, abríndose o prazo de matrícula entre o 1 e o 10 de xuño.

59 prazas

Segundo explica Elena Ortigueira, directora en funcións da Escola Infantil do campus, neste mesmo período realizarase tamén a renovación de prazas para os nenos e nenas xa matriculados e que continuarán o vindeiro curso nun centro que disporá dun total de 59 prazas. En concreto,contará a partir de setembro cunha aula para nenos e nenas 0 a 1 anos, con sete prazas, outra aula 1-2 con doce prazas e dúas destinadas ao grupo 2-3, con 39 prazas en conxunto. Destas, 27 irían destinadas a alumnado de novo ingreso, no caso de que se renove a matrícula de todo o alumnado actual. Como engade Ortigueira, nas solicitudes de inscrición, nais e pais deberán indicar tamén o seu horario de preferencia nunha franxa que abrangue entre ás 7.30 e ás 18.00 horas.