Programa de deportes acuáticos organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte
Mergullo nas Cíes? Rafting no Miño? Abertas as inscricións para Augaventura Primavera 2026
Haberá actividades ao longo de todo o mes de abril, sobre todo nas fins de semana
Descensos de rápidos, bautismos de surf, wakeboard, windsurf, mergullo nas illas Cíes ou unha ruta combinada de caiac máis andaina na illa de San Simón. Xa está aberto o prazo de inscrición en Augaventura Primavera 2026, o programa de actividades no medio acuático impulsado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte co que se convida á comunidade universitaria e ao resto da cidadanía a gozar das rías e dos ríos galegos realizando todo tipo de actividades acuáticas.
Haberá actividades ao longo de todo o mes de abril, fundamental nas fins de semana, e os prezos de cada unha das propostas depende da vinculación da persoa interesada coa Universidade de Vigo, xa que as contías varían segundo se trata de persoal ou estudantes da propia institución, familiares, egresados/as, persoas xubiladas ou cidadanía en xeral.
O curso pasado participaron nestas actividades máis de 200 persoas e este ano, coa volta do mergullo nas illas Cíes agárdase superar esta cifra e seguir a incrementar o número de afeccionados e afeccionadas aos deportes náuticos.
Arráncase cos bautismos de surf na praia de Patos o 12 da abril
Este ano a estrea será cun clásico de Augaventura, os bautismos de surf na Praia de Patos, en Nigrán, nesta ocasión con dúas alternativas: os domingos 12 ou 26 de abril, datas para as que se pode realizar a inscrición ata o 5 ou 12 dese mesmo mes, respectivamente.
A actividade desenvolverase, como é habitual, en colaboración con Prado Surf Escola, e comprenderá unha sesión teórica previa e outra práctica que inclúe quentamento muscular, práctica de remada e explicación e práctica da técnica do stand up. Os prezos deste taller varía entre 7,53€ e 15,07€ segundo o colectivo. As persoas participantes só deberán levar traxe de baño ou bikini, chanclas e toalla; o resto do equipamento pono a empresa.
Winsurf e wakeboard no peirao de Bouzas
Tras o arranque en Nigrán, as actividades continuarán á semana seguinte no peirao de Bouzas, en Vigo, coa colaboración, neste caso, da empresa Tierra y Mar. A primeira proposta será windsurf o martes 14, cun prezo que oscila entre os 11,30 e os 22,60 euros. Aberto á participación de calquera persoas maior de 12 anos que saiba nadar -os menores con correspondente autorización dos pais ou persoa responsable-, o prazo de inscrición manterase aberto ata o 5 de abril.
Nesa mesma semana, o domingo 19, será o momento para probar o wakeboard ou esquí acuático sobre táboa. Dirixido ao mesmo tipo de público que o windsurf e cos mesmos prezos, o prazo de inscrición prolongarase neste caso ata o día 12 de abril.
Caiac e andaina na illa de San Simón
Outro clásico de Augaventura é a ruta combinada na illa de San Simón, que inclúe caiac máis andaina. A cita será o sábado 18 de abril e a inscrición estará aberta ata o día 12 dese mes. En colaboración coa empresa Marexada, que se encargará de achegar o material preciso, as persoas participantes partirán da praia de Cesantes nunha travesía en caiac pola enseada de San Simón con paradas en puntos estratéxicos como a estatua de Xulio Verne. Unha vez na illa realizarase un percorrido guiado por este Ben de Interese Cultural. Os prezos para esta actividade van entre os 22,60 e os 45,20 euros.
Descenso de rápidos en Arbo
Ao igual ca en anos anteriores, o lugar elixido para o descenso de rápidos é a ponte internacional sobre o río Miño ao seu paso por Arbo. A actividade, que se organiza en colaboración coa empresa Arrepións, terá lugar o venres 17 de abril e os prezos varían entre os 16,94 e os 33,90 euros, segundo o colectivo ao que se pertenza. O prazo de inscrición pecharase o 5 abril. As e os participantes deberán levar traxe de baño, toalla, tenis para mollar e útiles de ducha. O resto do equipamento (casco e chaleco homologado, traxe e escarpíns de neopreno) corre a cargo da empresa. É obrigatorio saber nadar.
Mergullo nas illas Cíes
O broche de ouro desta edición será a actividade de mergullo nas illas Cíes, unha proposta que regresa con forza a Augaventura Primavera 2026 coa colaboración da empresa Buceo Islas Cíes e que se levará a cabo o sábado 25 de abril. Con prezos que oscilan entre os 50,85€ e 101,70€, a actividade arrancará a partir das 09.00 horas e terá unha duración aproximada de catro horas.
