DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chamada á comunidade universitaria a participar na 1ª Olimpiada Online InterUniversidades

Un mes por diante para converter a Vigo na universidade máis saudable de España

As e os participantes sumarán quilómetros nunha contorna lúdica na que se premian os bos hábitos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 13/11/2018

A Universidade de Vigo participará as vindeiras semanas –do 19 de novembro ao 16 de decembro- na 1ª Olimpiada Online InterUniversidades, unha iniciativa coorganizada pola Red Española de Universidades Saludables (REUS) e a Fundación Mapfre e dirixida a diminuír o sedentarismo e a promover hábitos saudables entre a comunidade universitaria. As persoas que se sumen a este particular reto terán que sumar os seus quilómetros de actividade física para intentar situar a Vigo como a universidade máis saudable de España.

O principal obxectivo desta iniciativa, na que participan 16 universidades de todo o territorio nacional, é moverse, xa sexa camiñando, correndo ou en bicicleta, establecendo diferentes recompensas diarias para reforzar ese cambio de hábitos. “Non importa o momento nin o lugar no que realizar a actividade. En bici, camiñando, correndo, subindo escaleiras... todo vale para poder avanzar e ir sumando quilómetros e queimando calorías”, explican desde a organización.

Aberta á participación do alumnado, de docentes e investigadores/as e persoal de administración e servizos, as persoas interesadas en participar teñen que inscribirse na web habilitada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte para levar a cabo este particular desafío, unha plataforma en liña na que se reta aos usuarios e usuarias a levar unha vida saudable a través de diversas actividades como xogos, rankings ou competicións en liña, así como un calendario persoal no que ir vendo os logros ou un blog con consellos sobre saúde e nutrición.

Premios por universidades e individuais

Nesta primeira edición da olimpíada a organización establecerá un reto colaborativo conxunto (“por exemplo dar a volta ao mundo”)  que tentará facerse realidade entre todas as institucións participantes, establecéndose diferentes categorías de gañadores por universidades e individuais: primeiro, segundo e terceiro posto por cada categoría (correndo, andando e en bicicleta); primeiro, segundo e terceiro para muller entre todas as universidades por cada categoría, e primeiro, segundo e terceiro para home entre todas as universidades por cada categoría.

Ademais si se supera o reto colaborativo desde a Fundación Mapfre realizarán unha doazón económica a un dos dous proxectos cos que colaboran desde a súa Área de Acción Social.  En concreto, as persoas participantes poderán elixir entre o proxecto Vidas cruzadas e Cuenta con nosotros, quedando repartido o premio económico entre as diferentes asociacións coas que se traballa no proxecto que resulte gañador.

Inscrición web e seguimento a través do móbil

Aquelas persoas que desexen participar neste reto deben inscribirse na súa plataforma web e, a partir de aí, simplemente conectar o seu teléfono móbil ou aplicación de monitorización de actividade física que acostumen empregar (Strava, Endomondo, Runtastic, Googlefit e Garmin, entre outras). “Deste xeito, o usuario só terá que sincronizar o seu móbil”, recalcan desde a organización.

O reto arrancará o vindeiro luns e ata o 16 de decembro as persoas que se animen a participar irán sumando quilómetros nunha contorna lúdica na que se premian os bos hábitos, se dan consellos saudables e se motiva a seguir avanzando. Cada persoa que se inscriba terá acceso privado á plataforma e, a maiores, poderase facer o seguimento do ranking por universidades, dando incluso a posibilidade de filtrar por departamentos, facultades... “creando unha competición interna e motivando aínda máis a todos e todas as participantes”.