DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida pola Vicerreitoría do campus xunto co Consello Social, terá lugar o xoves 24 de novembro

Unha mesa sobre emprendemento e superación reunirá a Teresa Portela, Sofía Toro e ‘Defreds’

Trátase dunha actividade aberta ao público, con inscrición previa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Deportes
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Pontevedra 09/11/2022

Comezar, chegar e continuar. Ese é o título da mesa de debate sobre emprendemento, motivación e capacidade para superarse ou reinventarse a un mesmo que a Vicerreitoría do campus promove o vindeiro xoves 24 de novembro, coa axuda técnica de ClínicasON e o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo. Nun encontro que ten como propósito afondar nos inicios, traxectorias e proxectos de futuro de referentes en diferentes eidos participarán a piragüista e fisioterapeuta Teresa Portela, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Tokio; a docente, xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e campioa olímpica Sofía Toro e o escritor José Ángel Goméz, Defreds.

Programada para o xoves 24 ás 20.00 horas, este debate estará moderado polo fisioterapeuta e fundador de ClínicasON Hugo Ogando, quen incide en que o propósito deste “encontro expositivo e de debate” é que o talento e traxectorias dos tres participantes contribúa a “motivar e estimular aos novos emprendedores”. Con esa idea, este egresado da Facultade de Fisioterapia estruturará a conversa en tres bloques, pondo o foco en primeiro termo nos inicios das deportistas e o escritor, para logo deterse en como viviron Toro e Portela os seus éxitos deportivos ou como afrontou Defreds converterse nun dos autores con maior volume de vendas en España. Finalmente, a conversa buscará dar resposta á pregunta de por que continuar, antes de abrir o coloquio ás preguntas do público.

Tres exemplos de constancia, superación ou reconversión 

Unha das protagonistas deste evento é Teresa Portela, quen nos Xogos de Tokio se convertía na primeira española en competir en seis edicións das olimpíadas, ademais de sumar unha medalla de prata a un extenso palmarés en campionatos mundiais e europeos. Egresada da Facultade de Fisioterapia, que o pasado ano lle daba o seu nome a unha das súas aulas, Portela é tamén nai e empresaria, facetas nas que tamén incidirá unha conversa á que foi convidada como “exemplo de constancia, traballo e superación continua”, como sinalan desde a organización. Medalla de ouro nos Xogos de Londres 2012 na modalidade de match race, a regatista Sofía Toro acumulou tamén un extenso palmarés nas competicións internacionais de vela ao longo da súa traxectoria deportiva. Actualmente é a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que agrupa máis de 60 empresas dun sector que representa máis do 2 % do PIB de Galicia, ademais de ser tamén docente na Facultade do Deporte da UCAM de Murcia, o que levouno a ser sinalada como un “exemplo de reconversión e adaptación”, polos promotores deste encontro. Por último, a conversa complétase coa participación do escritor vigués José Ángel Gómez, Defreds, autor de dez títulos de narrativa curta cos que logrou vender máis de 500 000 exemplares. Con preto dun millón de seguidores en redes sociais, Defreds logrou tamén en 2017 que catro dos seus libros se situasen como os máis vendidos en España e é presentado nesta iniciativa como un “exemplo de ilusión, revolución e autocreación”. 

Entrada gratuíta con inscrición previa

Aínda que principalmente orientado ao alumnado da UVigo, trátase dun coloquio aberto a toda a cidadanía, para o que será preciso realizar unha inscrición previa enviando un correo electrónico á dirección contacto@clinicason.com, no que figuren nome e apelidos, número de teléfono e DNI. As e os integrantes da comunidade universitaria deberán tamén achegar un “documento xustificativo” da súa relación coa institución, tendo preferencia na inscrición no caso de que se complete a capacidade da sala.