DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Cómpre contemplar situacións que non se darían nun curso normal”, sinala o vicerreitor Manuel Ramos

A mesa de negociación do PDI acorda as medidas que afectan ás condicións de traballo do persoal docente e investigador durante este curso 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 06/11/2020

Co obxectivo de determinar o marco axeitado para que o persoal docente e investigador (PDI) da UVigo poida desenvolver o seu traballo nas mellores condicións na situación actual durante este curso, a mesa de negociación do PDI acordou unha serie de medidas relativas ás condicións de traballo deste colectivo en aspectos como os seus dereitos e deberes; a actividade docente, investigadora e de transferencia e a formación. Tras comezar o proceso de negociación en setembro, foi esta semana cando a mesa do PDI acadou un acordo no que “non houbo atrancos que reseñar, máis ben, achegas moi acaídas por parte de todas as partes que melloraron o documento”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica de Profesorado da UVigo, que destaca a boa predisposición dos representantes dos traballadores, en xeral, e neste tema en particular.

Nunha situación condicionada pola pandemia, as medidas acordadas contemplan situacións que non se darían nun curso normal como é o paso da docencia presencial á virtual (como xa sucedeu temporalmente nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Ciencias Sociais e da Comunicación ao confirmarse positivos por covid-19 entre o alumnado), así como a presenza de persoal vulnerable ou con fillos menores ou maiores ao cargo, se estes quedasen confinados en caso de pecharse os centros aos que asisten. 

Sobre os dereitos e deberes do PDI

O acordo acadado na mesa de negociación do PDI contempla, entre outros aspectos en relación cos dereitos e deberes do persoal docente e investigador, cuestións como o recoñecemento das mesmas obrigas e dereitos con independencia de que a actividade se desenvolva na modalidade presencia ou non presencial, así como que este feito, non supoña variación algunha da xornada laboral nin das retribucións. “Máis que nesta situación en particular, que é algo obvio, temos que ir sentando as bases para introducir o tema de docencia semipresencial e non presencial nas diferentes normativas académicas, xa que temos titulacións que se imparten nesas modalidades”, sinala Ramos, que lembra, que dado que este é un tema que suscitou certo debate o curso pasado “non está demais ir incidindo nestes principios”.
Neste apartado tamén se recolle o dereito á desconexión dixital fóra do horario de traballo, que o PDI poderá fixar de forma flexible para cumprir na súa xornada coas súa obrigas docentes e investigadoras. “Durante o confinamento ‘abrupto’, que sufrimos o pasado curso, todo o PDI sacou as súas labores docentes adiante con moito esforzo e dedicación, que supuxo, entre outras cousas, traballar sen horario. Pero nunha situación máis planificada, como é este curso, temos que deixar claro que en caso dun novo confinamento hai que pasar a facer o previsto nas guías docentes para esta situación. Seguindo uns horarios de traballo normais”, detalla o vicerreitor, que tamén destaca que a normativa de titorías, á que tamén lle deu luz verde a mesa, vai axudar nese sentido a normalizar a actividade dentro dunha situación anormal, como sería un confinamento.

Entre as medidas acordadas na mesa tamén está a posibilidade de que no caso de que o PDI teña dúbidas sobre se o seu posto de traballo cumpre as medidas sanitarias, poida facer a consulta á dirección do centro ou ao decanato e solicitar, de ser o caso, as adaptacións necesarias. Así mesmo, recóllese o compromiso da Universidade de elaborar e manter actualizado o Manual para a docencia e a avaliación non presencial para o curso 20/21 no que se delimitan dereitos e obrigas do alumnado e profesorado, especialmente no referente á protección de datos de carácter persoal, dereitos de propiedade intelectual e dereitos da propia imaxe nos escenarios de docencia e avaliación non presencial.

Sobre a actividade docente, investigadora e de transferencia

Neste apartado, establécese que, con carácter xeral, a actividade planificada nos horarios docentes do profesorado realizarase de xeito presencial nos centros, tanto para as actividades programadas con alumnado nas aulas, como para aquelas que o alumnado siga a distancia, aínda que, tamén se contempla, que a actividade docente o PDI poderá levala a cabo sen asistir aos centros, caso que o reitor o decrete por motivos sanitarios ou cando a Vicerreitoría de Ordenación Académica, previa solicitude da persoa interesada, así o autorice. “Isto non fai máis que recordar o xa aprobado polo Consello de Goberno en xuño. A aposta da UVigo e do seu persoal é pola máxima presencialidade que podamos acadar en cada momento, aínda que ese máximo, obviamente, pode variar en función da situación sanitaria”, explica Manuel Ramos en relación con este apartado, no que se recollen como motivos suficientes para autorizar a actividade docente sen asistir aos centros: a necesidade de manter o confinamento por mor da covid-19; ter ao cargo menores de 14 anos ou maiores dependentes afectados polo peche de centros e estar incluído nun grupo vulnerable ao virus.

O acordo recolle, así mesmo, que a UVigo facilitará ao PDI o material de protección e hixiene necesario para minimizar o risco de contaxio e propagación do virus; que o profesorado incluído nun grupo vulnerable poderá solicitar a adaptación das súas condicións de traballo para evitar riscos e que o PDI que acredite necesidades tecnolóxicas para realizar as súas tarefas docentes fóra do centro de traballo, deberá comunicalo ás direccións dos centros para que a Universidade, na medida do posible arbitre as medidas necesarias para atendelas.

No caso da actividade investigadora e de transferencia a UVigo delega nos responsables dos centros e no PDI a organización en canto á ocupación e organización da actividade, “o que non é máis que trasladar a esta nova realidade que estamos vivindo o que xa se daba con anterioridade. A investigación é un actividade moi diversa e, na maioría dos casos, non cinguida a horarios, que non pode regularse de xeito xeral. E é cada grupo ou unidade investigadora a que organiza o seu traballo, e ese traballo valórase polos seus resultados”, explica o vicerreitor.

Sobre a formación

As medidas acordadas na mesa do PDI tamén contemplan para cada un dos cuadrimestres deste curso a negociación e realización de cursos orientados a mellorar ou reforzar coñecementos sobre metodoloxías docentes non presencias e ferramentas tecnolóxicas para a docencia e avaliación en liña. En relación con estes cursos voluntarios para o profesorado, Ramos lembra que desde a fin do confinamento a Área de Innovación Educativa destinou todos os seus recursos ás necesidades formativas do PDI relacionadas co labor docente dentro do marco tecnolóxico que marca a situación, “e que na nosa Universidade xira arredor de Moovi e Campus Remoto/Campus Integra”, ao tempo que confirma que se seguirá a traballar en actividades formativas máis avanzadas para aquelas persoas que o demanden e que poderían comezar no segundo cuadrimestre deste curso.