DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha campaña de promoción que está a realizar nas tres universidades galegas

A Mesa pola Normalización Lingüística busca novos membros entre a comunidade universitaria

Este xoves o edificio de Ferro acolleu un dos seus postos informativos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/11/2019

A Mesa pola Normalización Lingüística está a percorrer diferentes facultades das tres universidades galegas co obxectivo de dar a coñecer o traballo que realiza e conseguir novos membros entre a comunidade universitaria. No marco desta iniciativa, o Edificio de Ferro do campus de Ourense, no que hai docencia das facultades de Historia e Ciencias da Educación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, acolleu un dos seus postos informativos.

Segundo explicou Luis Pérez, técnico de normalización lingüística da Mesa pola Normalización Lingüística encargado da atención do posto, a iniciativa quere “promover o uso do galego e visibilizar que somos moitos os mozos e mozas que queremos vivir en galego”. Para acadalo, sinalou, “estamos percorrendo facultades das tres universidades galegas para ensinarlle á mocidade todo o material que facemos na nosa asociación, a maior asociación cultural galega que existe para defender o uso do galego en todos os ámbitos”. Así, as persoas que se achegaron este xoves ata o seu posto na entrada do edificio de Ferro puideron coñecer desde publicacións para nenas e nenos ata aplicacións electrónicas feitas pola entidade.

A Mesa pola Normalización Lingüística, lembrou o técnico, “é a asociación do galego, cunha longa traxectoria de defensa do uso do galego en todos os ámbitos”. Neste contexto, apuntou, “queremos que a xente moza coñeza que é a asociación e facer unha campaña para que se asocie. Como normalmente a xente moza é a que máis dificultades ten para pagar unha cota estable cada mes estamos dándolle todas as facilidades para que se incorporen á defensa da lingua, que moitas veces xa está facendo pero que queremos organizala”, indicou Luis Pérez.