Organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Ellas Vuelan Alto
Unha mesa redonda aborda no campus os retos do puxante sector espacial
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e a delegación en Galicia da Ellas Vuelan Alto, entidade que fomenta a igualdade no sector aeroespacial, organizaron este venres a mesa redonda Retos espaciais desde a innovación e a ciencia. Nela, representantes de diferentes entidades que forman parte do ecosistema espacial dialogaron sobre como “Galicia, España e Europa afrontan os desafíos dun sector espacial cada vez máis competitivo e tecnolóxico”.
A xornada arrancou cunha benvida a cargo de Silvia Vela, directora legal e de expansión de EVA e responsable da delegación en Galicia desta entidade, que puxo en valor a relevancia da temática abordada nesta sesión. Seguiulle a apertura a cargo de Eva D. Castro, presidenta de ONU Mujeres España, que destacou, entre outros aspectos, a importancia de fomentar a participación das mulleres tamén no sector espacial, apuntando que “non hai innovación sen igualdade nin futuro máis sostible sen xustiza”.
A mesa estivo moderada por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus, que lembrou que a actividade foi pensada para dar a coñecer a entidades e estudantado interesado como se están enfrontando os desafíos dun sector espacial cada vez máis competitivo, tecnolóxico e esencial para a vida cotiá, e para ver o potencial que España e Galicia teñen nel tanto desde a innovación como desde a ciencia. A responsable académica puxo o foco “no desenvolvemento espectacular que está a vivir o sector aeronáutico”, pondo como exemplo o lanzamento, previsto para o 1 de abril, da misión Artemis II á Lúa, que, dixo, “marcará un antes e un despois na carreira espacial”, entre outros factores porque nela irá unha muller astronauta.
Neste contexto, a idea da actividade celebrada este venres, comentou Nieves Lorenzo, foi abordar desde diferente institucións (centros tecnolóxicos, grandes e pequenas empresas e a academia) “como podemos cooperar entre todos para afrontar os desafíos que ten o sector espacial e como podemos posicionar España e Galicia neles”. Neste mapa de actores, a directora apuntou que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo forma “talento que no futuro traballará neste sector e contribuirá ao seu desenvolvemento”. Polo que respecta aos grandes retos do sector citou a igualdade, “pola que desde un primeiro momento loitamos desde a nosa escola, xa que precisamos a visión e o talento tanto feminino como masculino para desenvolver este sector”.
No encontro interviron Isabel Pérez (catedrática da Universidad Politécnica de Madrid e ex directora de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Axencia Espacial Española); Yanina Hallak (CEO e cofundadora da empresa galega UARX); Isabel Burdon (do centro tecnolóxico Gradiant) e Daniel Franco (responsable de Innovación Empresarial de Airbus en España). A primeira en intervir foi Isabel Pérez, que entre os grandes desafíos espaciais incidiu na sostibilidade, “a sostibilidade na órbita baixa, que está superpoboada, o que pon en risco desde a operativa de satélites que están en órbita (que poden sufrir risco de colisións) ata a calidade atmosférica, porque moitos dos obxectos reentran nas capas altas da atmosfera”. Ante esta superpoboación, apuntou que “hai que tomar medidas a nivel global e esas medidas hai que implementalas”, lembrando que terán un custe que repercutirá no desenvolvemento dos programas.
