DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inauguración terá lugar este xoves, 3 de abril

Un mesmo espazo, dúas mostras enfrontadas. A "Sala X" abre as súas portas a un duelo sobre o territorio

Fernando Casás e José Paz son os autores da exposición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 02/04/2008

Co obxectivo de construír un particular diálogo entre as obras individuais de dous creadores galegos, a Sala X acollerá ao mesmo tempo as exposicións de Fernando Casás e José Paz, ambos artistas formados na Facultade de Belas Artes. Os autores amosarán a súa particular visión do territorio a través do enfrontamento entre as súas obras, que pertencen a xeracións ben distintas, xa que Casás é mestre sen sabelo por idade e traxectoria de Paz, moito máis novo e de pensamentos e creacións vizosas. Deste xeito farase unha fonda análise sobre a paisaxe que, desde linguaxes e técnicas complementarias, erguerá un fermoso monumento ao pensamento e a reflexión coa natureza.
Este xoves, 3 de abril, será cando se inaugure a mostra, unha instalación feita exclusivamente para a sala de exposicións do campus e que en palabras do seu coordinador, José Manuel Buxán, “é dunha peza que toma o espazo e o reivindica dun xeito contundente”. Todos aqueles que desexen coñecer un pouco máis sobre os conceptos destes dous artistas, poderán visitar ata o vindeiro 14 de maio, os traballos Dousmiloito e Océanos de Marte que compoñen a exposición.


“Dousmiloito”

O artista José Paz, na súa obra Dousmiloito, amosa unha gran peza formada de moitas outras máis pequenas, nas que se observan diferentes intervencións que o autor fai sobre a paisaxe galega e que logo fotografía. Con todas esas instantáneas compón un gran mosaico de fragmentos do territorio que nos ofrecen olladas e achegamentos, detalles e microclimas desa paisaxe sobre o que actúa o mozo ourensán. Acerca da súa mostra, Paz explica que “como todo xogo estético é unha afirmación dun valor, unha celebración, un dicir si a algo, á vida, aínda que sexa a través de sentimentos encontrados”, ao que engade, ”o da paisaxe é unha escusa, que non gratuíta. Como en toda pintura non se explica nada, tan só se describe unha orden sensible, unha serie de trazos visuais e xeográficos sen que predomine unha imaxe sobre outra”.

“Océanos de Marte”

No seu caso, Fernando Casás conta cunha dilatada traxectoria de máis de 40 anos na que foi reflexionando sobre o territorio, primeiro o brasileiro, onde viviu unha gran parte da súa vida e, nos últimos anos, na Galicia das súas orixes. Desta volta o artista leva á Sala X anacos de pino, 576 troncos perfectamente cortados a través dun proceso industrial e sobre os que Casás explica que “son árbores cortadas en talladas como os derradeiros restos de aquilo que un día se chamou natureza. Restos cortados, dispersos como un animal desfeito que saboreamos durante calquera comida, pero que non ten orixe, maternidade ou principio. Sinxelamente un anaco anónimo de natura que deixou escapar a posibilidade de recompoñer o infinito quebracabezas da hecatombe”.