DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista murciano abriu a programación cultural do segundo cuadrimestre

Unha mestizaxe de sons urbanos encheu o Vidal Bolaño no concerto de Soge Culebra  

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Música
  • Cultura
DUVI 20/02/2020

Rap, pop, r’n’b, reggae… Unha mestizaxe de sons urbanos apoderouse este mércores do teatro Vidal Bolaño no concerto co que Soge Culebra abriu a programación cultural do segundo cuadrimestre no campus de Vigo. O artista murciano de 19 anos achegou ao público asistente o seu particular xeito de entender a música, na que comezou cando só tiña seis anos, animado por pola súa familia. O artista a quen o portal de referencia da cultura urbana americana Team Back Pack cualificou como o Bob Marley español, interpretou este mércores en Vigo os temas do seu primeiro traballo discográfico, editado por Warner en 2018, Mar de cristal, así como, ata o de agora o seu último éxito ¿A dónde fuiste?

Con máis de 700.000 subscritores no seu canal de Youtube e millóns de visualizacións nos seus vídeos, Soge Culebra, álter ego de Gabriel Gómez, tamén colaborou hai uns meses con Alex Ubago en Maldito miedo

Próximas citas co cine, o teatro e a música

Logo do concerto de Soge Culebra, a programación cultural continuará o 3 de marzo coa primeira das películas do ciclo Cine e Lingua. Será no auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas onde se proxectará Bagdag Café de Percy Adlon en versión orixinal en inglés, con subtítulos en español. 

Ao día seguinte, será a quenda para o teatro e a primeira das representacións da Miteu, En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic, a cargo da Aula de teatro da USC. Pola súa  banda, a música volverá o 25 de marzo co Sonora´20 no que actuarán Yana Zafiro e Presumido.