DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Enxeñería Industrial recibe a acreditación de ABET

Un mestrado da EE Industrial, primeira titulación en Galicia acreditada pola axencia máis prestixiosa do mundo no ámbito da enxeñaría 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Académica
Mª del Camen Echevarría DUVI 20/09/2018

“Para todas as persoas que traballamos na Escola de Enxeñería Industrial é un orgullo saber que o noso traballo é recoñecido pola máis prestixiosa axencia de acreditación en enxeñaría do mundo e para o alumnado é unha garantía de que os seus estudos son da máxima calidade e ademais ábrelles a porta a lograr unha licenza como enxeñeira ou enxeñeiro profesional en moitos países, especialmente EEUU e no mundo anglosaxón. E para as empresas é tamén unha garantía de que as e os titulados que contratan están ben preparados para o exercicio da profesión”. Esta é a valoración que Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, fai da acreditación por parte da axencia internacional ABET do Máster en Enxeñaría Industrial que se imparte no centro, un proceso iniciado hai 18 meses e que culminou hai uns días coa confirmación da acreditación por parte da asociación estadounidense, formada por máis de 30 asociacións profesionais e técnicas, acreditadora de estudos universitarios no ámbito das ciencias aplicadas, enxeñaría, informática e tecnoloxía.

O Máster en Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo convértese así na primeira titulación en toda Galicia en recibir a acreditación de ABET, coa que unicamente contan en España títulos das politécnicas de Madrid e Valencia e a Universtat Ramón Llull. “ABET é enormemente esixente cos requisitos para outorgar a acreditación. Contempla aspectos relativos a competencias profesionais que alcanzará o estudantado durante a súa formación; organización dos estudos; medios materiais (laboratorios, aulas, material de prácticas, software de alto nivel); formación e capacitación do profesorado; o apoio da propia universidade; aspectos relacionados coa ética; empregrabilidade…”, explica Pardo, que lembra que, aínda que a decisión de solicitar a acreditación se tomou no ano 2012, como unha acción a desenvolver dentro do Plan Estratéxico (2012-2020) da escola, non se puido solicitar ata 2016 “por que ABET esixe polo menos unha promoción de estudantes que superen os estudos antes de solicitar a acreditación”.

Por que unha acreditación de ABET e por que o Máster en Enxeñaría Industrial?

Tras analizar diferentes posibilidades, as e os responsables do centro decidiron para acadar do obxectivo de “conseguir recoñecemento internacional a través dunha acreditación de prestixio” optar por ABET, unha asociación sen ánimo de lucro, considerada en todo o mundo como “a máis importante en enxeñarías, ao tempo que supón unha garantía de calidade na formación das e dos futuros profesionais da enxeñaría industrial”, explica o director do centro.

A decisión de solicitar a acreditación de ABET para o  Máster en Enxeñaría Industrial xustifícase en que esta é a titulación da escola que habilita para o exercicio da profesión de enxeñeira e enxeñeiro industrial . “Agora, nestes tempos, digamos revoltos, nos que se pon en dúbida a calidade dalgúns títulos de mestrado, non podemos estar máis satisfeitos de tomar no seu día unha decisión estratéxica moi acertada”, sinala Juan Pardo, que lembra que neste intre o centro está en pleno proceso para obter a acreditación europea EUR-ACE para os títulos de grao que se imparten na escola.