DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o explicou o reitor na última sesión deste ano do Consello de Campus de Ourense

O mestrado exclusivo de Aeronáutica someterase a aprobación na primeira sesión do Consello de Goberno de 2022

O reitor amosou o seu desexo de desbloquear a situación unha vez roto o acordo coa UDC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 15/12/2021

O Consello de Campus de Ourense celebrou este mércores, de xeito presencial e virtual, a súa última sesión de 2021. Entre os temas abordados, estiveron os pasos a seguir unha vez roto o acordo coa Universidade da Coruña (UDC) para a posta en marcha de xeito interuniversitario do mestrado profesionalizante en Enxeñaría Aeronáutica. Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, explicou que no primeiro Consello de Goberno da UVigo de 2022 levarase a aprobación a proposta da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense dun mestrado exclusivo.

Durante a súa intervención, o reitor lembrou que “nós tiñamos un acordo co equipo reitoral da Universidade da Coruña cunhas determinadas condicións que eu pensaba que eran axeitadas”. Ese acordo, detallou, contemplaba que o alumnado do mestrado sería da Universidade de Vigo, facéndose no segundo curso o traslado de expediente dos estudantes que optasen pola especialidade ofrecida pola Coruña. O acordo incluía que a docencia se impartiría en Ourense, excepto unha semana de prácticas no primeiro cuadrimestre e outra no segundo, que se farían na UDC, que asumiría o aloxamento do alumnado. “A proposta que nós fixemos era unha proposta lóxica, razoable e xenerosa”, indicou Reigosa. A pesar do pactado, engadiu, a Universidade da Coruña “quixo máis” e as negociacións continuaron, agradecendo o reitor á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense “o esforzo feito por chegar a acordos”. Finalmente, comentou o responsable institucional, “o equipo reitor da Coruña deu un paso atrás e dixo que non mantiña o acordo inicial”.

Un novo escenario

Nesta situación, Manuel Reigosa explicou aos membros do Consello de Campus de Ourense que “chegados a este punto nós imos pedirlle a toda a comunidade universitaria, a través dos órganos de goberno, que lle dea o visto bo ao mestrado de Aeronáutica tal e como propón a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo”. A memoria do título, xa aprobada pola escola, está a exposición pública ata o día 28 de decembro, polo que o reitor sinalou que non dá tempo a levar a súa aprobación ao vindeiro e último Consello de Goberno da UVigo deste ano. En todo caso, comprometeuse a levala a aprobación no primeiro Consello de Goberno que se realice en 2022, indicando que de ser preciso se convocaría en sesión extraordinaria para tratar este tema. Nesta aprobación, indicou Reigosa, “eu espero que haxa unanimidade” e poder así trasladar a proposta de mestrado exclusivo á Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional. “Aquí imos ir todos xuntos da man, a escola, a reitoría e a Universidade no seu conxunto e eu agardo que sexamos quen de desbloquear a situación”, afirmou.

O reitor explicou neste senso que xa ten trasladado ao conselleiro de Educación, Universidade e Formación Profesional e ao secretario xeral de Universidades que “o acordo razoable que tiñamos con Coruña está roto e que nós temos urxencia en que este mestrado saia adiante”. Facendo fincapé en que a decisión no seu momento da Xunta de apostar por un mestrado interuniversitario era comprensible (xa que o acordado era que os mestrados solicitados por varias universidades así o serían), “unha vez que estamos noutro escenario, no que demos dous pasos para atrás, imos pór sobre a mesa a proposta unicamente da Universidade de Vigo e que decida a Consellaría”. Por último, Manuel Reigosa apuntou que “nós seguimos coas portas abertas para negociar pero loxicamente calquera negociación agora mesmo ten que pasar polas mans da Consellaría”.  

Obras e equipamentos

Tamén en referencia ao futuro da Escola de Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o reitor indicou que se está a preparar a memoria de necesidades para o futuro novo edificio deste centro. Neste senso, indicou que o vindeiro ano, ao marxe do Plan de Financiamento, as tres universidades terán fondos para novos edificios e equipamentos e que este novo edificio “non debería tardar moito en sacarse a concurso”. Tamén no eido de obras e equipamentos, Reigosa explicou que xa están en marcha as obras do edificio Campus Auga para a instalación nel da planta piloto agroalimentaria e o CACTI e que o vindeiro ano continuarase coas obras de mellora da sostibilidade, a primeira delas unha instalación fotovoltaica no Edificio de Ferro. “Vamos a seguir moi activos neste tema porque consideramos que a Universidade de Vigo ten que dar exemplo en sostibilidade”, afirmou.

Investigación e bolsas

A sesión deste mércores tamén contou coa intervención de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da UVigo. Nela, centrouse nunha das accións do selo de excelencia en Recursos Humanos de Investigación HRSR4R, da Comisión Europea, que é potenciar a ciencia aberta. Así, falou das iniciativas que se están a desenvolver na institución académica para a súa potenciación coa idea de “mostrar o que abrangue a ciencia aberta, non só no eido das publicacións, senón tamén á hora de compartir datos”. Con respecto ás publicacións en aberto, subliñou que, a través de CRUE e do CISUG, asináronse desde o mes de marzo unha serie de acordos transformativos para impulsar a ciencia aberta que lle permiten á UVigo, ademais de acceder ás revistas a través de Science Direct, poder publicar sen coste adicional. “É dicir, non temos que pagar as denominadas APCs (Article Proccesing Charges). Nas editoriais máis prestixiosas como Oxford, Willey, Elsevier, Cambridge, ACS e SCOAP temos unha financiación ao 100% e noutras como a Royal Chemistry Society ou en MDPI ao 15% e o 10%, respectivamente”, detallou no Consello de Campus. Belén Rubio tamén falou durante a súa intervención do repositorio institucional Investigo, do que se teñen descargado preto de 1,7 millóns de documentos e que está á súa vez conectado co Sistema Unificado de Xestión de Investigación (SUXI) e co buscador de I+D+i da institución (BIDI). Igualmente presentou o novo portal de investigación Portal Dialnet, que recolle de xeito automático, a partir dunha gran diversidade de fontes, a produción científica dos investigadores e investigadoras da UVigo.

Tamén interveu nesta sesión de Consello de Campus Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, que abordou temas como os avances no proceso de desenvolvemento do Campus Auga e as actividades culturais levadas a cabo nos últimos meses. Na súa intervención destacou os bos resultados acadados polas bolsas Ourense Rural, destinadas a atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais para o alumnado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes dos campus universitarios e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais. Foron 27 as bolsas concedidas ao alumnado, por un valor total de 25.000 euros.