Así o recolle o ránking internacional SportBusiness 2026
O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da UVigo sitúase no top 12 dos mellores posgraos do mundo no seu ámbito
A titulación é a máis valorada de España e a segunda de Europa
O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo mellora a súa posición no ránking internacional dos mellores posgraos de SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. A titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sitúase no primeiro posto de España, segundo de Europa e número 12 do mundo.
O coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, Patricio Sánchez, sinala que os bos resultados acadado neste 2026 supoñen “unha alegría e un recoñecemento ao traballo do grande equipo” que rodea este mestrado, desde o profesorado ata o alumnado. “SportBusiness é a plataforma internacional de referencia na industria do deporte e que unha institución como ela che distinga no seu ránking internacional de mestrados en xestión deportiva é un gran respaldo ao traballo realizado. Dá un chisco de impresión que un posgrao como o noso poida estar competindo con grandes universidades europeas e americanas pero se estamos aí, por algo é”, afirma o profesor da UVigo.
Tras 15 anos de existencia do mestrado, comenta Patricio Sánchez, “podemos afirmar que o noso claustro de profesorado non ten nada que envexar ao de calquera outro programa. Se a isto se lle engade un alumnado cada vez máis motivado para formarse nun sector con moita proxección, resulta moito máis doado acadar éxitos”. O responsable académico engade ademais que este tipo de recoñecementos “reafirma a nosa aposta pola internacionalización, a calidade e unha moi estreita conexión co tecido deportivo” e lembra que “falar de deporte é xa falar de excelentes perspectivas profesionais para os nosos estudantes, nun eido que como todos ben sabemos é apaixonante”.
Nunha contorna cada vez máis competitiva, o recoñecemento que supoñen os postos acadados no ránking SportBusiness, apunta por último Patricio Sánchez, constitúe tamén “unha responsabilidade que nos obriga a estar á altura do que se agarda de nós”. Os resultados deste 2026 melloran os conseguidos o pasado ano, cando este mestrado quedou primeiro entre os títulos impartidos en España, terceiro de Europa e 24 do mundo.
Referentes no deporte
SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. O seu SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade.
O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte é o único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia, pensado para proporcionar ao seu alumnado a formación académica e práctica necesaria para a profesionalización na xestión do deporte. O título inaugura este venres a súa 16 edición cubrindo de novo todas as súas prazas e destacando unha vez máis a boa acollida internacional que ten, contando con alumnado matriculado procedente dun amplo abano de países.
