A mostra ‘Grazas pola súa visita’ poderá visitarse ata o 30 de maio
Unha mestura de exposición e cafetaría busca facer da Sala Manuel Moldes un espazo de encontro
O proxecto reúne as obras de catro artistas formados na Facultade de Belas Artes
Protagonistas da nova exposición que este xoves se inaugura na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, tanto Alberto Ardid, Tayone e os integrantes do colectivo Rapapawn, Cynthia Alfonso e Óscar Raña, como a súa comisaria, Sara Donoso, formáronse na Facultade de Belas Artes. Este vínculo común e, nomeadamente, as súas lembranzas do punto de encontro que supuña a antiga cafetaría do centro convertéronse no punto de partida da mostra Bar-Cafetería. Grazas pola súa visita, un proxecto que mestura as ideas de exposición e cafetaría co propósito de facer desta sala un espazo de encontro.
“Non é exactamente unha cafetaría, tampouco unha exposición ao uso”, recoñece Donoso dunha exposición, promovida coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que poderá visitarse ata o 30 de maio na sala de exposicións do campus. Neste proxecto, as obras destes artistas conviven con mesas e cadeiras da antiga cafetaría da facultade, á vez que algúns elementos do seu mobiliario forman parte das instalacións que completan o proxecto expositivo. “A idea é que o espazo teña vida e que a xente enténdao como un punto de encontro, ao que veña gozar das obras, pero tamén usalo”, engade a comisaria desta mostra, na será posible tomar café e infusións ou consultar diferentes libros e catálogos.
Nesa mesma liña, e coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, destaca o interesante deste “concepto expositivo relacional”, que “incide na necesidade de aumentar esa atmosfera de encontro entre estudantado e profesorado” na Facultade de Belas Artes, á que contribuía á antiga cafetaría. No curso 2022/2023, este espazo foi reacondicionado para converterse na sala O Abrigo despois de que as diferentes convocatorias para adxudicación do servizo quedasen desertas. De aí que o tamén vicedecano de Cultura poña de relevo o interese dunha proposta na que “os espectadores sexan tamén usuarios dunha cafetaría ficticia”, o que á súa vez fai que “a obra non sexa só o que se ve nas paredes, senón toda a acción”.
Un proxecto que mudou e continuará mudando
Outro dos aspectos de Grazas pola súa visita que Pérez-Jofre pon de relevo é o encaixe desta proposta cunha das liñas de traballo da sala, a de “atender a artistas que xa teñen unha certa traxectoria e que estudaron no noso centro”. De feito, como recoñece Donoso, o proxecto naceu “como unha exposición máis clásica”, que reunía as creacións de catro egresadas e egresados cuxos traballos “teñen unha relación entre si, tanto plástica e visual como conceptual” e aos que conecta tanto o uso de elementos propios da banda deseñada como o traslado ao mundo da arte “de obxectos en desuso ou que teñen outras connotacións a nivel social”. Foi no propio proceso de desenvolvemento desta proposta cando, “dun xeito moi informal”, xurdiu esa idea de “recrear simbolicamente a cafetaría”. Deste xeito, a exposición converteuse á súa vez “nun acto de reivindicación e reflexión sobre a importancia de reabrir a cafetaría como punto social e de intercambio de ideas para a facultade”.
Esta idea levou á súa vez á que a propia idea de exposición fose mudando para achegarse a esa idea da cafetaría, con propostas como uso que Ardid fai dunha vitrina de bar para exhibir o que denomina fresh paintings, pezas que se presentan envasadas no seu interior, aludindo á “idea da pintura como unha mercadoría, como un produto listo para ser consumido”, sinala Donoso. Noutra das súas obras, este artista emprega “o esqueleto oxidado dun antigo letreiro” dun establecemento hostaleiro, mentres que Rapapawn fai uso dunha mesa da cociña da cafetaría e dunha serie de televisores antigos para dar forma a unha videonstalación. Os responsables deste estudo de animación experimental presentan ademais tres cadros cadros que formaron parte dun proxecto expositivo previo sustentado na idea dun “cómic expandido”, como apunta Alfonso, e se achegan á estética dun “cartel de cafetaría”. As súas propostas conéctanse visualmente cos cadros de Tayone, nos que, como sinala a comisaria, “observamos unha exploración minimalista de liñas, formas, cores e capas que interactúan nunha poética de solapamentos entre fondo e figura”.
A exposición complétase coa presenza de Un berro por Belas Artes, un cadro presente durante décadas na cafetaría do centro e que Laxeiro doou en 1993 ao alumnado da facultade, en solidariedade coas súas protestas pola situación na que se atopaba a sede provisional deste centro.
Ao mesmo tempo, a idea de que a mostra sexa un “espazo vivo” levará á posta en marcha de iniciativas no propio espazo expositivo, como dúas mostras efémeras con traballos do estudantado, coordinadas por Rapapawn e Pérez-Jofre.