DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores ourensáns e italianos veñen de propor un protocolo analítico para a determinación de

Un método sinxelo e barato para certificar as propiedades saudables do aceite de oliva

O regulamento europeo establece requisitos de composición para poder ter a etiqueta de beneficioso p

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/02/2017

No Regulamento 432/2012 da Comisión Europea establécese unha lista de declaracións autorizadas de propiedades saudables dos alimentos. Nela inclúese unha referida ao aceite de oliva que indica o seguinte: “os polifenois do aceite de oliva contribúen á protección dos lípidos da sangue fronte ao dano oxidativo”, explicando as características de composición que debe ter o aceite para ser considerado beneficioso para a saúde. Acadado este recoñecemento normativo, o seguinte reto que afronta a industria para poder empregar esta “etiqueta saudable” é atopar un método económica e tecnoloxicamente asequible que permita certificar como o seu aceite cumpre os requisitos esixidos. Investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e da Universidade de Boloña, en Italia, veñen de propor un “método sinxelo, barato e axeitado” para a verificación dos niveis destes compostos responsables das propiedades saudables do aceite de oliva virxe.

Unha ferramenta para o sector

Os avances realizados no deseño deste método foron publicados recentemente no European Journal of Lipid Science and Technology, nun artigo titulado A widely used spectrophotometric assay to quantify olive oil biophenols according to the health claim (EU Reg. 432/2012). O artigo está asinado polos investigadores Jesús Simal e Patricia Reboredo, do Centro de Investigacións Agroambientais e Alimentarias CIA da Universidade de Vigo, e Enrico Valli, Alessandra Bendini, Giuseppe Di Lecce e Tullia Gallina Toschi, da Universidade de Boloña. “O obxectivo deste traballo foi atopar un método sinxelo, barato e adecuado capaz de garantir unha axeitada determinación e cuantificación do contido fenólico dos aceites de oliva virxe extra, para satisfacer os requisitos da declaración de propiedades saudables específica”, comentan os investigadores ourensáns, que desenvolven xunto ás investigadoras Beatriz Cancho e Carmen González unha liña de investigación dedicada especificamente ao aceite de oliva.

O regulamento comunitario, lembran os participantes no estudo, establece que esta declaración de propiedades saudables "só pode utilizarse respecto ao aceite de oliva que conteña un mínimo de 5 mg de hidroxitirosol e os seus derivados (por exemplo, un complexo de oleuropeína ou tirosol) por 20 gr de aceite de oliva. Para que un produto poda levar esta declaración, informarase ao consumidor de que o efecto beneficioso obtense cunha inxesta diaria de 20 g de aceite de oliva”. A raíz da aprobación desta normativa e tendo en conta os custes das metodoloxías existentes, apuntan Simal e Reboredo, “fíxose necesario desenvolver e ofrecer ao sector oleícola ferramentas analíticas sinxelas para determinar o contido de compostos fenólicos”.

“Os compostos fenólicos (ou fenois) do aceite de oliva virxe teñen un papel relevante na estabilidade e atributos sensoriais, como o amargor. Porén, as propiedades máis demandadas actualmente son as que se derivan da súa capacidade antioxidante, é dicir, aquelas que actúan sobre o estres oxidativo do organismo”, comentan os investigadores. Segundo explican, a biodispoñibidade de hidroxitirosol, tirosol e os seus derivados, principais compostos fenólicos identificados no aceite, é moi elevada, demostrando diferentes estudos como o ser humano é capaz de absorber entre un 40/95% destes compostos durante o consumo de aceite de oliva. Por este motivo, apuntan, “a actividade biolóxica destes compostos ten espertado grande interese na actualidade”.

Ensaio colorimétrico

A investigación levada a cabo polo equipo ourensán consistiu no deseño dun protocolo analítico para a determinación de fenois de acordo co establecido no Regulamento da Comisión 432/2012. “O obxectivo foi verificar se os métodos espectrofotométricos utilizados habitualmente para a determinación de fenois en aceites, tales como o método de Folin-Ciocalteu para fenois totais e o método de o-difenois, se poderían empregar como unha ferramenta analítica útil, práctica e económica para establecer se os aceites cumpren coa alegación de propiedade saudable”, describen os investigadores da Universidade de Vigo. Para levar a cabo este estudo seleccionáronse un total de doce aceites de oliva virxe producidos en España e Italia. Á vista dos resultados obtidos, indican, “pódese concluír que o método espectrofotométrico, que permite determinar o contido en fenois totais expresados como hidroxitirosol (Folin-Ciocalteu), incluso sen unha hidrólise previa do extracto, é unha ferramenta útil e sinxela para establecer se os aceites cumpren coa alegación de propiedade saudable recollida no Regulamento 432/2012”. O método FC, engaden, é un ensaio colorimétrico que require só un equipo común e pode ser executado en calquera laboratorio.

Tras estes “prometedores” resultados iniciais nos que participaron investigadores ourensáns, a investigación para definir este protocolo analítico continúa, conseguindo un consorcio coordinado por Tullia Gallina Toschi, unha das investigadoras italianas participantes no estudo, un proxecto europeo denominado Oleum Horizonte 2020, que ten como obxectivo xeral garantir a calidade e autenticidade dos aceites de oliva a escala mundial.