DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración dunhas xornadas, unha convocatoria para presentar proxectos e un curso

A metodoloxía Aprendizaxe-Servizo multiplica a súa actividade este mes de abril na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 22/04/2022

A promoción da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) concentra este mes de abril na UVigo diferentes actividades, que van da celebración das II Xornadas Aprendizaxe Servizo: Aprendendo con compromiso, á convocatoria para a presentación de proxectos sobre esta metodoloxía, pasando pola finalización hoxe dun curso formativo, dirixido ao persoal docente interesado en iniciarse neste ámbito. “A metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS), é unha metodoloxía activa que consiste en que o alumnado aprenda facendo un servizo á comunidade e que adquira as competencias técnicas da titulación e tamén as xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo”, sinala Henar Quintas Salgado, directora da Área de Responsabilidade Social de Cooperación da UVigo, que destaca que a promoción das actividades de ApS está en liña coa acción establecida no Plan Estratéxico 2021-2026 da UVigo para a consecución do ODS 1 da Axenda 2030. 

As accións promovidas desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación materialízanse ao longo deste mes de abril en tres actividades concretas. Dunha banda, desde o pasado 17 de marzo permanece aberta a convocatoria para a presentación de proxectos Aprendizaxe-Servizo para desenvolver no curso 2022-2023, iniciativas que teñen que ester vencelladas ás materias que figuren no Plan de Organización Docente (POD) no vindeiro curso. “A metodoloxía ApS debe aparecer recollida na Guía Docente da materia especificando a porcentaxe que vai representar na avaliación”, sinala Henar Quintas, que lembra que o prazo para a presentación de proxectos permanecerá aberto ata o 10 de maio.

Doutra banda, aínda que relacionado con esta convocatoria, este venres, finaliza o curso formativo que sobre ApS imparte a Escola Aberta de Formación Permanente, coa finalidade de que o persoal docente que así o desexe puidera iniciarse nesa metodoloxía. “Trátase dun curso práctico onde as persoas matriculadas practicaron realizando unha proposta de proxecto que, de haber acordo coa entidade social colaboradora, poderá presentarse á convocatoria de proxectos”, explica a directora da Área de Responsabilidade Social de Cooperación da UVigo.

Aprendendo con compromiso 

As accións destinada á promoción da metodoloxía ApS continuarán o 28 de abril coa celebración das II Xornadas Aprendizaxe Servizo: Aprendendo con compromiso, nas que o persoal docente, nalgúns casos acompañado das ONG e entidades coas que colaboraran, así como con alumnado, que desenvolveu ou está a traballar en proxectos durante este curso, compartirán as iniciativas e boas prácticas detectadas. “Nas xornadas , que inaugurará  o vindeiro xoves a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, contaremos coa participación de María del Mar Lorenzo Moledo, profesora do departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do grupo de investigación Esculca, que impartirá a conferencia A Aprendizaxe Servizo e o desenvolvemento de competencias transversais na universidade no eido da Axenda 2030”, detalla Henar Quintas.

Entre as temáticas dos proxectos que se presentarán na xornada, que se celebrará na sala I do edificio Miralles, destacan a gobernanza glocal, o dereito tributario para entidades sociais, a divulgación virtual de bioloxía á sociedade ou a dixitalización.