DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 25 ao 30 de xuño

Métodos de relaxación, masaxes e outras técnicas darán contido ao “VII Curso de masoterapia terapéutica e deportiva”

Entre as novidades de este ano destaca a terapia miofascial

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 12/02/2008

Co obxectivo de complementar a formación que os alumnos reciben nas aulas e co respaldo do éxito conseguido nas anteriores edicións, a escola de Fisioterapia está a organizar o VII Curso de masoterapia terapéutica e deportiva. Dirixido tanto a estudantes como a profesionais, o programa busca establecer as principais indicacións da masaxe no eido da saúde e no do deporte, así como aumentar a habilidade dos asistentes na aplicación das diferentes técnicas.
O director do curso, Gustavo Rodríguez Fuentes explicou que “con esta formación o que se fai é afondar nos métodos para saber aplicalos a diferentes situacións, tanto patolóxicas como sinxelas masaxes deportivas”. Tamén engadiu que “é algo co que todo o mundo nos identifica e o seu uso é moi amplo, un campo moi demandado, por iso é necesario facer cursos de especialización nesta disciplina”.
Métodos de relaxación, masaxes, terapias con frío ou mecanismos de estirada son algúns dos temas que darán contido ao seminario, aínda que unha das novidades desta edición é a técnica de relaxación miofascial que impartirá o profesor, Gustavo R. Fuentes, quen aclarou que “a unión entre a masoterapia e a relaxación miofascial está dando resultados moi positivos”.

Técnicas concisas e moi prácticas

Cunha duración de trinta e unha horas, o curso, que terá lugar do 25 ao 30 de xuño ,será eminentemente práctico. Doce parellas de alumnos aprenderán os diferentes métodos na súa propia pel de xeito que farán, en primeiro lugar, unha proba de valoración e despois de aplicar a técnica que estean aprendendo, farase unha segunda na que xa se poderán notar os resultados acadados. “Iso é o que nos interesa, ser moi conciso e moi práctico, para que esa mesma tarde ou ao día seguinte poidan aplicar os métodos”, comentou o director, Gustavo R. Fuentes.
Os requisitos para acceder a esta formación especializada é estar no último ano de carreira ou xa ser diplomado en Fisioterapia. Poderán asistir alumnos de outras escolas ou profesionais alleos á Universidade, sempre que o número de prazas non exceda de 24. O custo do seminario é de 118 euros, pero para os membros da comunidade universitaria hai un financiamento de 6 euros, polo que quedaría en 112 euros. Todos aqueles que estean interesados poden facer a preinscripción ata unha semana antes do comezo do curso na conserxería da EU de Fisioterapia. Aos asistentes entregaráselles un diploma acreditativo da formación, ademais de obter 1,5 créditos de libre configuración.

A masoterapia

A masaxe é a aplicación de unha influencia mecánica efectuada cunha man sobre a cuberta corporal, a musculatura, tendóns e ligamentos nunca zona concreta, empregada con fins terapéuticos para alcanzar efectos determinados. A masoterapia é a técnica que, a través de masaxes, trata e prevén algunhas enfermidades. Ao favorecer a oxixenación dos músculos e órganos estimúlase a circulación sanguínea e linfática, o que ten como consecuencia un relaxamento e limpeza do corpo.