Xa está aberta a matrícula para os talleres de Extensión Universitaria do primeiro cuadrimestre
Da micoloxía ao cloud computing: a formación esténdese máis aló das aulas
A tecnoloxía e a natureza vertebran a oferta de talleres
A Universidade de Vigo abre a matrícula para unha nova edición dos obradoiros de Extensión Universitaria, con propostas que van dende a identificación de cogomelos ás tecnoloxías cloud. A programación, aberta a toda a cidadanía, inclúe propostas de diferentes ámbitos e duracións, pensadas para achegar coñecementos especializados e competencias complementarias á formación académica. O catálogo de cursos caracterízase pola diversidade temática, abríndose así a perfís moi diferentes: dende persoas interesadas na natureza e a cultura ata estudantes que buscan familiarizarse con ferramentas e tecnoloxías de crecente presenza no mercado laboral.
O prazo de matrícula para estas actividades estará aberto ata o vindeiro 2 de outubro e os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza, dende a comunidade universitaria ata a cidadanía en xeral.
En total, para este primeiro cuadrimestre ofértanse dez talleres que inclúen costura creativa e sostible; cloud computing; contedores, virtualización e orquestración; introdución ao deseño de placas de circuíto impreso; introdución a LaTeX para o ámbito profesional e científico; identificación de cogomelos en dous niveis; iniciación ao teatro; música tradicional e horta orgánica.
Micoloxía e cultivos orgánicos, sempre na oferta
Unha das propostas que nunca falta na programación de Extensión Universitaria é a micoloxía, desta volta, con dous cursos de diferentes niveis. O máis básico aborda cuestións como a identificación dos principais grupos de fungos, os procedementos de recollida e transporte e o recoñecemento de especies comestibles e tóxicas, mentres que o segundo permite avanzar na identificación macroscópica e microscópica e tamén coñecer a normativa de apaña de cogomelos en Galicia e no resto do Estado. O primeiro dos talleres desenvolverase entre o 6 de outubro e o 15 de decembro, e o segundo entre o 8 de outubro e o 10 de decembro, ambos con 30 horas de duración.
Tamén é xa un clásico o obradoiro de deseño e posta en marcha dunha horta orgánica para a produción de alimentos sans e saudables. Con 30 horas de duración, impartirase entre o 5 de outubro e o 21 de decembro, e permitirá ás persoas que se acheguen crear unha horta dende cero, escollendo e adaptando diferentes metodoloxías e cultivos, segundo a súa propia realidade. Este obradoiro de outono terá continuación con outro obradoiro práctico no seguinte cuadrimestre.
Catro propostas tecnolóxicas
A tecnoloxía ocupa tamén un espazo destacado nesta edición. O obradoiro Cloud computing: despregamento en AWS, Azure e GCP introduce o alumnado nos fundamentos da computación na nube e no funcionamento dos principais provedores de servizos cloud. A actividade desenvolverase entre o 7 de outubro e o 25 de novembro e contará con 25 horas de formación.
Na mesma liña sitúase Contedores, Virtualización e Orquestación: de Docker a Kubernetes, outra proposta de 25 horas que permitirá coñecer ferramentas empregadas actualmente no ámbito das infraestruturas tecnolóxicas e do desenvolvemento de software. O alumnado traballará con máquinas virtuais, Docker e Kubernetes para comprender como se crean, xestionan e despregan contornas illadas e aplicacións modernas na nube e en sistemas locais. O curso desenvolverase entre o 6 de outubro e o 24 de novembro.
Outra das propostas é o obradoiro de Introdución ao deseño de placas de circuíto impreso, que se impartirá entre o 14 e o 20 de outubro. Durante 20 horas de docencia, o obxectivo será que as e os participantes acaden un nivel intermedio no deseño de placas electrónicas empregando ferramentas libres e modernas e se familiaricen cos conceptos teóricos fundamentais para o deseño e fabricación de PCBs, incluíndo a comprensión da súa estrutura, materiais e tipos. Tamén aprenderán sobre técnicas básicas de soldadura e medición para traballar con placas electrónicas.
Tamén no eido tecnolóxico se ofrece no taller de Introducción a LaTeX para o ámbito profesional e científico, unha proposta de 20 horas de docencia na que as e os asistentes coñecerán este sistema de composición de textos de alta calidade para crear documentos profesionais, presentacións e publicacións científicas de alta calidade. Impartirase entre o 5 e o 20 de outubro.
Unha aposta pola creatividade
A oferta deste primeiro cuadrimestre complétase con tres cursos que apostan polo fomento da creatividade en diferentes eidos. Por unha banda, non poden faltar o curso de iniciación ao teatro e a aula de música e baile tradicional. No que respecta ao teatro, serán 30 horas de clases entre o 19 de outubro e o 9 de decembro co obxectivo de dotar ao alumando dun abano de ferramentas o suficientemente amplo para elixir e descubrir cal é a adecuada para realizar o seu labor como actor ou actriz. Realizaranse exercicios prácticos para fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, imaxinación, sentido do ritmo e a musicalidade… A mesma duración terá o obradoiro de música e baile tradicional galego, que se centrará entre o 6 de outubro e o 15 de decembro no coñecemento e práctica do folclore tradicional, tanto no que respecta á parte musical como o baile, facendo fincapé na contextualización do repertorio, técnicas e recoñecemento.
Finalmente, o catálogo de cursos tamén inclúe un taller de 30 horas de duración de costura creativa e sostible para achegar o alumnado ao patrón e á costura a través de teas, prendas recicladas, etc..., dándolle unha segunda vida ás súas pezas. As clases serán do 8 de outubro ao 10 de decembro.
Ademais da formación adquirida, a participación nestes obradoiros supón un recoñecemento de 1 créditos ECTS para as ensinanzas de grao por cada 25 horas de curso.
