DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático máis antigo do centro asumirá o cargo ata a celebración de novas eleccións

Miguel Ángel Crespo, decano en funcións da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais 

“Acéptoo como unha responsabilidade como profesor da facultade”, asegura o docente e investigador 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/11/2021

O catedrático máis antigo e con máis docencia na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Miguel Ángel Crespo Domínguez, asume desde hoxe o cargo de decano en funcións do centro. Despois que o pasado mércores o ata entón decano, Jorge Falagán, non acadase os apoios necesarios para revalidar o cargo, e declinase facerse cargo en funcións do decanato ata a celebración dun novo proceso electoral, en cumprimento do recollido no Regulamento electoral xeral da Uvigo, o reitor nomeou como decano en funcións ao catedrático máis antigo do centro. 

Neste caso, Miguel Ángel Crespo Domínguez é quen cumpre co requisito de ser o catedrático máis antigo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, na que tamén imparte a maioría da súa docencia, razóns polas que foi nomeado polo reitor, Manuel Reigosa, como decano en funcións, durante os seis próximos meses, período no que deberá convocar eleccións á dirección do centro. “Acéptoo como unha responsabilidade como profesor da FCEE, unha responsabilidade fundamentalmente administrativa que vai no cargo de funcionario”, explica Crespo (Zamora, 1955), catedrático desde o 1 de decembro de 1989, “o penúltimo da USC, cando era única”, lembra. 

Convocatoria de eleccións, unha decisión do claustro do centro 

En relación coa convocatoria dun novo proceso electoral, Miguel Ángel Crespo asegura que esta será unha decisión que “en realidade vai tomar o claustro do centro no sentido seguinte: voume reunir con todos os responsables dos departamentos e con outros docentes e cando teña sobre a mesa unha solicitude de que alguén quere facerse cargo do decanato, eu convocaría as eleccións. Polo tanto é unha decisión que vou deixar en mans doutros que queiran asumir o decanato con plenas funcións”, explica.

Crespo, que ten que impartir no segundo cuadrimestre a maior parte da súa docencia, terá agora que “recolocala, porque as tarefas administrativas levan tempo. E non só as administrativas, senón tamén as de representación do centro ante a sociedade”, sinala o novo decano en funcións.