DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro mércores no ciclo 'Coloquios en tempos de pandemia' da FCCEE e a Fundación Mentor 

Miguel Sebastián abordará nun encontro en liña as leccións económicas e incertezas da pandemia 

O ex ministro analizará as claves da actual crise e os desafíos económicos que se presentan

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 30/11/2020

Ministro de Industria, Turismo y Comercio e director da Oficina Económica de Moncloa durante os gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero, Miguel Sebastián protagonizará o vindeiro mércores unha nova sesión do ciclo Coloquios en tempos de pandemia, que promoven a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo a Fundación Mentor. Nun encontro dixital, que comezará ás 12.00 horas, Sebastián abordará as leccións económicas aprendidas ata o de agora na pandemia, así como as incertezas que aínda restan por despexar no horizonte económico, tanto no contexto nacional, coma no internacional.
“Desde o pasado mes de marzo, Miguel Sebastián foi o economista que máis regularmente seguiu, avaliou e analizou a crise da covid-19 desde o punto de vista estatístico e económico, tanto a través dos medios de comunicación audiovisuais como escritos”, sinala José María Martín Moreno, vicerreitor de Económica da Universidade de Vigo. Xunto ao reitor, Manuel Reigosa, o vicerreitor de Economía será o encargado de presentar a Miguel Sebastián no coloquio, que se poderá seguir en liña, previa inscrición, ou de xeito presencial no salón de actos da FCCEE, e no que ex ministro achegará a análise sobre as claves da actual crise, fronte á de 2008 da que foi actor e testemuña en primeira liña desde o executivo español, así como as súas impresións sobre a xestión da actual situación e os desafíos que se cernen sobre o panorama económico.

Doutor en Economía pola Universidade Complutense de Madrid e a Universidade de Minessota, Sebastián exerce como profesor titular de Análise económica e Economía cuantitativa na Complutense. Ademais é membro do consello editorial de varias publicacións económicas e colaborador de diferentes medios de comunicación, así como conselleiro de Indra pola SEPI e membro do consello académico de Aedive. 

Quinto coloquio do ciclo 

Co relatorio de Miguel Sebastián, o ciclo Coloquios en tempos de pandemia acada a súa quinta sesión, despois dad protagonizadas polo director executivo de Zendal, Andrés Fernández; o vicepresidente do BCE, Luis de Guindos; o presidente de Norvento, Pablo Fernández e a psicóloga e ex responsable de relacións humanas e deportivas do F.C. Barcelona, Inma Puig.